A desobediencia de catro deputados de En Marea no Congreso abre outra fenda no partido

Villares afirma que "non é unha cuestión sancionadora" senón "política": "Había dúas posibilidades, cumprir co programa ou non facelo". O Consello das Mareas reunirase para analizar o feito.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/02/2019 | Actualizada ás 16:04

Comparte esta noticia

O Consello das Mareas, máximo órgano de decisión entre plenarios do partido instrumental, volverá reunirse este sábado nun encontro no que terán un papel central a desobediencia de catro deputados no Congreso ás directrices marcadas pola dirección galega na votación dos Orzamentos do Estado e que só seguiu Alexandra Fernández, de Anova.

Noriega, Villares, Beiras, Yolanda Díaz, Paula Quinteiro e Gómez-Reino. EUROPA PRESS - Arquivo
Noriega, Villares, Beiras, Yolanda Díaz, Paula Quinteiro e Gómez-Reino. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

O portavoz orgánico de En Marea, Luís Villares, sinalou que non se trata dunha "cuestión sancionadora", senón "política" porque os catros deputados de En Marea que votaron favorablemente á tramitación dos orzamentos "incumpriron" o programa co que se presentaron ás eleccións de 2015 e 2016.

"Había dúas posibilidades: cumprir co programa político ou non facelo", sinalou o maxistrado lucense, que lamentou que os parlamentarios Antón Gómez-Reino, Yolanda Díaz, Ángela Rodríguez e Miguel Anxo Fernán-Vello "se aparten da liña que sempre tivo En Marea: non a estes orzamentos".

"En Marea presentouse ás eleccións de 2016 cun programa, e como agora vimos que ese programa non se podía pactar co PSOE non podiamos apoiar os seus orzamentos", incidiu Villares, para o que as contas tombadas polo Congreso profundaban na concepción de Galicia como "país subsidiario" e impedían "a creación de emprego, renda e riqueza" no país.

Así mesmo, reiterou, como xa fixo o pasado mércores, que ante o posible adianto electoral, En Marea se presentara como organización e non como coalición para así "garantir" que poida configurar grupo nas Cortes e non quedar "ligado a Unidos Podemos ou outras forzas".

YOLANDA DÍAZ

Esta postura choca coa expresada pola deputada Yolanda Díaz (Esquerda Unida) que, nunha entrevista na mañá deste xoves na TVG, deu por feito que a coalición de EU, Anova e Podemos "se vai repetir" nas eleccións xerais, cuxa data, previsiblemente, se coñecerá este venres.

Yolanda Díaz, unha das parlamentarias de En Marea que votou en contra da posición fixada pola dirección que encabeza Luís Villares, incidiu en que "nunca" dixeron que impedirían a tramitación do orzamento e que "si" sostiveron publicamente que "se a negociación non avanzaba" votarían en contra.

"Onte (o mércores) perdeuse unha oportunidade única para poder defender cuestións claves para Galicia", aseverou, para logo pór o acento en que co fracaso da tramitación das contas "se pechou a porta" para negociar "as 300 emendas" presentadas polos parlamentarios galegos, vía a través da que, segundo a exlíder de Esquerda Unida en Galicia, pretendían aumentar as partidas para Galicia.

Cuestionada sobre o voto da súa compañeira no Congreso Alexandra Fernández, Yolanda Díaz subliñou que "comprende" a súa posición. "Preferiu votar a favor das emendas de PP, Ciudadanos e dos partidos cataláns en clave catalá. Respéctoa pero non a comparto, a súa postura non é maioritaria no grupo", espetou.

Por último, desacreditou a dirección de En Marea como órgano ao que deben seguir os deputados no Congreso, xa que, segundo apuntou, o "acordo político para as xerais dicía que as decisións do grupo (parlamentario) se toman por consenso no grupo".

Así as cousas, defendeu que os catro deputados que desatenderon a dirección política de En Marea e votaron de acordo a postura do Grupo Confederal de Unidos Podemos actuaron de maneira "correcta". "Hai quen prefire votar co PP e Ciudadanos", apostilou, antes de convidar a "reflexionar" sobre que a caída dos orzamentos "abre a porta a que mañá goberne Vox".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta