Dereito a decidir ou tapadeira de patricios latrocinios

Agora que comezan os xuízos dos políticos presos, reciclaremos aquelo – tan repetido – de que as accións tomadas polo goberno do Estado (a aplicación do 155) é algo nunca visto nunha democracia europea avanzada, porque, claro, como as accións tomadas polo goberno de Cataluña son tan comúns en tódalas democracias avanzadas, europeas ou non, o normal é escandalizarse. Xa estou vendo aos lexisladores e gobernadores de California, Provenza, Baviera, ou Nova Gales do Sur subvertendo ás respectivas constitucións e dicíndolles a cadanseus tribunais supremos ou constitucionais que a vaian rañar.

Por Xoán Vázquez | New Jersey | 08/02/2019

Comparte esta noticia
Mais respondendo á premisa de cabeceira, para min está claro que a trama do “procés” ten moi pouco que ver co dereito a decidir e moito cun narcisismo desaforado e mailo seu fecundo de soberbias e avaricias inherentes. E aínda tamén, con tapar os patricios latrocinios. Se isto tratase do dereito a decidir, no parlamento do Estado os grupos secesionistas cataláns estarían traballando arreo, con toda a normalidade e amabilidade, sen erguidas de voz nin santos rosarios aos deuses da posverdade, sumando esforzos e ideas cos nacionalistas e separatistas vascos e galegos, con Podemos e asociados, e tratando de engadir a tódalas outras agrupacións de orientación socialista, e xuntos ir facendo pedagoxía e transmitíndolles aos moitos millóns de cidadáns votantes do PP, Cidadanos, e mailos outros remisos espallados por todo o Estado que unha reforma constitucional que recollese o dereito a decidir, rigorosamente definido e enmarcado nos máis altos valores democráticos, non lle restaría nada ao país. Aínda na suposición de que dese dereito deviñese a segregación dun territorio: pouco perde quen se desprende de quen non quere estar. Iso non sería fácil de vender, pero tampouco imposible. Levaría o seu tempo e o seu traballo, pero case seguro que sairía a adiante. Mais iso non é o que se persegue. Se algo detesta o patricio narcisismo é a igualdade; nin sequera entende o concepto. O narcisismo non só se sente diferente, séntese especial, único, singularmente endeusado e unxido polos óleos dunha grandeza sen igual. E, claro, un dereito enmarcado na Constitución é inevitablemente extensible a tódolos territorios do Estado. E iso non é aceptable para os ofendidos do café para todos. Porque nas mentes guiadas pola egolatría e maila soberbia, o café, por máis bo, sabe a pouco se tamén hai para os de abaixo. Pero vamos a ver, en que cabeciña cabe que o insignificante pobo galego poida ter os mesmos dereitos có divinizado pobo catalán?  Xa nin falar de que ese dereito poida ser extensible a esa chusma do sur. Ese é o problema, esa incapacidade de entender que ao meu café non lle resta nada que os da mesa da carón tamén desfruten de cadanseu.  Velaí a cerna da cuestión. De aí vén que non procuren alianzas para traballar en prol do dereito a decidir enmarcado na Constitución e suxeito aos máis altos valores democráticos. Ou sexa, este sen fin de infamias e calumnias pouco ten que ver co dereito a decidir, moito coas ruíns condescendencias do narcisismo, e sempre, desde o primeiro día, guiado e entregado á voracidade da depredación. 
 
Porén, amósaseme pedagóxico e iluminativo que os derradeiros exabruptos deste tardío pos-franquismo flúan dos mananciais do tan admirado nacionalismo catalán. Paradigma que foi el, envexable modelo a imitar. Os que entendíamos, e entendemos, galleguismo político como unha forza vital ao servizo do desenvolvemento e prosperidade cultural, social e económica de Galicia, agora atopámonos con que o paradigma, o modelo (o nacionalismo catalán) é unha farsa, unha forza de destrucción e ruína.  Unha mentira desvencellada dos valores da democracia. As acusacións de franquistas e fachas, elas por tantos tan repetidas e tan ben aproveitadas, séguense vertendo sobre o PP – e seguirán – moi a pesar de que nesa carreira de calumnias e infamias da posverdade o PP non é quen, por moito que o intente, de acercarse ás posicións de podio. Mais das moitas cousas raras que en España acontecen, esa non é unha delas; quizais mesmo sexa unha das grandes coherencias. España, por desgraza, coa súa Cataluña en cabeza, sempre foi fecundo da calumnia, reino do engano e da traizón, berce de expertos nas artimañas da infamia e da depredación, e agora engade ao seu acervo o valioso pedigree da CUP e o populismo bolivariano. E todo indica que tamén se vai engadir á festa o populismo anti-bolivariano, Vox. Xa estamos todos. É de agradecer aos do “procés” o guiarnos e darnos a benvida á España de sempre, e facelo con esta exquisita clarividencia onde conflúen tódalas nosas miserias. Foi o “procés” quen nos espertou da ilusión de que podíamos vivir vida normal, dentro dos marcos dun Estado de Dereito, coas nosas miserias do pasado superadas, cos vieiros do futuro desbrozados, e firmes nas conviccións. Quedou claro, grazas ao “procés” e mailas súas mesiánicas demencias, que seguimos sendo un país dominado por covardes, asoballado por oportunistas usurpadores, e subxugado ás endogamias dos chupóns vividores de sempre. Grazas, porque a verdade nunca sobra e a claridade nunca é moita.
 
Velaí a reacción de non poucos dos nosos ante a infamia do "procés": Solidarios de  puño erguido obedientemente repetindo as sabias palabras do infalible amo catalán. Que aínda haxa alguén capaz de crer que isto trata dun dereito democrático, que isto vai do dereito a decidir, é incomprensible. Triste testemuño dun  baldeiro moral arrepiante, completamente alleo aos valores dos que se nutre a dignidade da autocrítica. O fácil é cubrirse con iso de que o equivocado sempre é o Outro; mirarse ao espello é outra cousa. Mais aínda a un famélico gato rueiro lle quedan suficientes neuronas para ver a gran trama, o gran engano, e a avaricia depredadora que detrás de todo isto se agacha. Non obstante, velaí están non poucos dos abandeirados do nacionalismo galaico, tan ofendidos co Estado “opresor” coma solidarios co gran depredador. Incomprensible, triste e vergonzoso.  

Un independentista na manifestación unionista en Barcelona trala declaración de independencia de Cataluña proclamada no Parlament o 27 de outubro de 2017
Un independentista na manifestación unionista en Barcelona trala declaración de independencia de Cataluña proclamada no Parlament o 27 de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/