Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2019 | Actualizada ás 14:08
En Marea pediu ao ministro de Fomento, José Luís Ábalos, que compareza no Congreso dos Deputados para dar conta da postura do Goberno español tras a apertura dun expediente sancionador en materia de seguridade ferroviaria por parte da Comisión Europea.
Ademais, os representantes da formación rupturista instaron ao Goberno central a que "depure responsabilidades" e a que "tome a iniciativa con "novas formas de actuar" que "garantan a seguridade ferroviaria".
Por unha banda, a deputada de En Marea na Cámara Baixa Alexandra Fernández considerou "un mazazo ao Estado español" e "algo moi grave" o anuncio do expediente.
Por outro lado, o viceportavoz no Parlamento Galego, Antón Sánchez, subliñou que a apertura do expediente "é unha demostración máis do camiño que durante os últimos anos levou o Goberno español con respecto a unha cuestión tan importante que tivo consecuencias tan graves" en Galicia.
EXPLICACIÓNS DE ÁBALOS
Alexandra Fernández pediu a comparecencia de José Luís Ábalos, ao que reclamou que "demande á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) unha nova investigación sobre o accidente do Alvia".
Neste sentido, chamou a atención sobre que "a UE, en liña co Informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) pon en cuestión os traballos da CIAF en relación á investigación de accidentes ferroviarios como o de Angrois e o do Porriño".
A deputada mostrouse "satisfeita" polo que considera "un paso de xigante que bota por terra a conivencia entre PP e PSOE, Fomento e empresas para tapar, silenciar, ocultar e pasar páxina en temas de tanta envergadura como a seguridade viaria ou a investigación de sinistros como o do Alvia".
A formación rupturista asegurou que "non todo vale" e que "a UE castiga o mal facer, as mentiras, as manipulacións e os intentos de ocultación dos diferentes gobernos de estado".
ASUNCIÓN DE RESPONSABILIDADES
En Santiago, Antón Sánchez explicou que o procedemento "se suma ao posicionamento das institucións europeas denunciando a falta de independencia da CIAF" e referiuse á "falta de independencia na investigación do accidente de Angrois".
Ademais, Sánchez sinalou que "tamén está posta en cuestión a Axencia Española de Seguridade Ferroviaria nos seus protocolos de homologación das liñas e materiais ferroviarios".
Ante "esta situación tan grave", o representante de En Marea instou ao Goberno central a que "por decencia e por hixiene democrática, tome a iniciativa, modificando e elaborando participativamente unhas novas formas de actuar, que garantan a seguridade ferroviaria".
Nesta liña, pediu que "tome decisións" e que se "asuman responsabilidades políticas", xa que "non pode ser que os mesmos responsables que ampararon actuacións como a de Angrois, previa apertura da liña Santiago-Ourense, sigan nos seus cargos".
COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN EN GALICIA
A continuación, Antón Sánchez destacou que En Marea ten rexistrada unha iniciativa no Parlamento galego "para que se cre unha comisión de investigación sobre a seguridade ferroviaria en Galicia".
Sánchez explicou que se trata dunha iniciativa "para garantir que hai seguridade e que a xente pode estar tranquila de que se seguen os protocolos marcados na directiva comunitaria". O deputado avanzou que o levarán a debate o "máis pronto posible", e que espera "que teña apoio" dos grupos parlamentarios. "Xa é hora de que se tomen cartas no asunto", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.