Feijóo sobre a manipulación da CRTVG: “Non podo asumir as responsabilidades dos efectos que fan outros”

O presidente galego nega que teña o control do ente público e di que “nunca interferiu” na información da TVG. Sobre a polémica cun cámara asegura que sempre respondeu ás preguntas que se lle fixeron.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 20/12/2018 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

“Mire vostede... as preguntas sobre a CRTVG, pregunte á CRTVG... Do mesmo xeito que non me piden opinión para facer cousas, non podo asumir as responsabilidades dos efectos das cousas que se fan ou se deixan de facer”. Foi a contundente resposta que deu este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo ao preguntarselle sobre as protestas de manipulación informativo deste medio público por parte dos seus traballadores.

Venres negros na CRTVG por uns medios públicos libres e plurais
Venres negros na CRTVG por uns medios públicos libres e plurais | Fonte: @DefendeAGalega

O líder do PPdeG insistiu varias veces en que a CRTVG é un organismo independente e ten un Consello de Administración que é, suliñou, “ao que lle corresponde dar conta do que fai, non fai e deixa de facer. E iso é de sempre”.  Deste xeito, contradí o manifestado polos grupos da oposición e polos traballadores que este mércores convocaron unha folga e levan 30 semanas celebrando os “venres negros” nos que denuncian a constante manipulación informativa dos medios públicos galegos.

“A min non se me pide opinión para contratar ou para descontratar. En consecuencia esas cousas pregúntellelas á CRTVG”, respondeu Feijóo a un xornalista da Cadena Ser ao tempo que criticaba a situación de TVE. “Espero que nunca un goberno da Xunta faga o que fixo o Goberno central nos medios públicos da CRTVG, como foi destituir o Consello de Administración nomeado polas cortes”, manifestou.

POLÉMICA CO CÁMARA

Por outra banda, Feijóo tamén se referiu á polémica da pasada semana cando non contestou a un cámara de TVE que preguntou por esta cuestión. “Eu só lle contesto a xornalistas”, espetoulle tras unha pregunta que foi feita sen previo aviso e cando a a rolda de prensa xa rematara. “Nunca deixei unha pregunta sen contestar e iso que levo dez anos aquí. Ao mellor é unha pregunta que non podo contestar porque non a sei... Pero vostedes me poden preguntar de todo, mesmo calquera cousa que non teña que ver co Consello”, destacou.

“Teño moitos defectos pero non contestar a preguntas non é. Esa se me fixo acabada a rolda de prensa pero eu soio contestar”, engadiu. Galicia Confidencial insistiu nesa cuestión lembrando que non se lle respondeu ao cámara. Tamén se lle preguntou pola “politización” da TVG, tendo en conta as críticas que o PP ten feito sobre o mesmo con TV3 en Cataluña. 

“Eu non vou intervir nas condicións da CRTVG e así o fixen desde que pactei co PSdeG o nomeamento do director da CRTVG e, a partir de agora lle corresponde a el e ao seu equipo, a labor de seguimento e control da CRTVG”, foi a súa resposta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Pillabán

Pensou que estaba no medio de sanitari@s...

2 Tancredo

Para que quere o control se xa llo exercen outr@s. Que ceda a ”fontanería “ a favor dun ente público, independente e competente a favor do país.

1 Marquiños

A situación planteada despois de que Feijoo se negara a respostar a un cámara de televisión, aducindo que só responde a xornalistas, abre un debate interesante no mundo da comunicación. ¿Informar é patrimonio dos xornalistas? No mundo globalizado, non. As empresas deberían ter a liberdade de elexir aos mellores especialistas para transmitir o que sucede no mundo. O corporativismo é cousa do século pasado. Un aplauso por TVE-G.