Alertan de que os continuos derrubamentos no Hospital Gil Casares poden provocar unha “desgraza”

CCOO esixe investir no seu mantemento tras un novo episodio de derrubamentos, desta volta, do teito.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/10/2018 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

A sección sindical de CCOO-Sanidade no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS) denuncia un novo derrubamento no Hospital Gil Casares. Coma en anteriores ocasións, non houbo danos persoais, malia que nese momento había xente traballando na zona sinistrada. O sindicato esixe investir no mantemento do centro hospitalario mentres estea funcionando, “para evitar que algún día haxa que lamentar unha desgraza”.

Parte do teito caído no Hospital Gil Casares
Parte do teito caído no Hospital Gil Casares | Fonte: CCOO

O derrubamento produciuse a tarde do mércores, 24 de outubro, cando caeu parte do teito da planta baixa do hospital. Os feitos ocorreron nunha zona de paso do persoal pola que se accede a un ascensor interno que conduce á unidade de paliativos e de medicina interna.

Malia que o Hospital Gil Casares ten os días contados, no marco da ampliación do Hospital Clínico e da construción da nova facultade de Medicina, o sindicato considera que “non é de recibo que se consinta a súa deterioración mentres estea aberto ao público”. De feito, o punto en que o teito cedeu xa presentaba un burato había tempo, polo que, di, “era previsible que se acabase producindo un sinistro”.

As deficiencias estruturais únense a outras relacionadas co acondicionamento. Por exemplo, son múltiples as queixas polo mal funcionamento da calefacción da planta de psiquiatría, que obriga os doentes a andaren por esta unidade cubertos con mantas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta