O voo sobre Galicia que Castelao imaxinou no seu discurso “Alba de Groria”, dispoñible en versión tridimensional

É a maneira na que o Portal das Palabras, o proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a promoción da nosa lingua, celebra este 25 de xullo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/07/2018 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

“Si no abrante d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes”. Castelao iniciaba
así o 25 de xullo de 1948 Alba de Groria, o discurso que pronunciou, dende o exilio, na festa organizada polo Centro Galego de Buenos Aires co gallo do Día de Galicia.

Souto de Santa Eufemia, Folgoso do Courel (Lugo), Premio Bosque Ameazado 2010. FRAN NIETO, BOSQUES SIN FRONTERAS
Souto de Santa Eufemia, Folgoso do Courel (Lugo), Premio Bosque Ameazado 2010. FRAN NIETO, BOSQUES SIN FRONTERAS | Fonte: EUROPA PRESS

O Portal das Palabras, o proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización e divulgación do léxico galego, celebra tamén esta data e o 70 aniversario da que pasa por ser a derradeira alocución pública do intelectual coa difusión dunha recreación do voo que evoca o emblemático texto de Castelao sobre xeografía do país. E faino a través dunha versión tridimensional da Carta Xeométrica que Domingo Fontán realizou na primeira metade do século XIX, o primeiro mapa feito en España con medicións matemáticas.

Os dous primeiros parágrafos de “Alba de Groria” nos que se traza este voo imaxinado xa foran escritos un ano antes e forman parte do capítulo I do libro IV de Sempre en Galiza, engadido na segunda edición do libro. No ano 1951 o Centro Galego de Buenos Aires quixo homenaxear a Castelao no seu primeiro cabodano publicando a versión orixinal deste discurso e mais a tradución ao castelán de Eduardo Blanco Amor nunha edición dispoñible en copia dixital na páxina web da Academia.

A comunidade emigrante, o pobo, a historia e a tradición son os principais temas que aborda o
texto lido por Castelao en 1948 tal día coma hoxe, o día da “Festa de todos os galegos”, no Teatro Argentino da capital porteña. Sete décadas despois, está considerado todo un referente simbólico para Galicia e unha das principais manifestacións da oratoria en lingua galega.

O Portal das Palabras é un proxecto para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización da nosa lingua. O traballo conxunto entre ambas as institucións permitiu tamén levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario da Academia, que fan posible un uso máis personalizado e interactivo, e o desenvolvemento de aplicacións para empregalo desde teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta