Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2018 | Actualizada ás 16:20
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse "sorprendido" por que a valedora do Pobo, Milagros Otero, achegase na súa comparecencia ante a Comisión de Peticións documentos novos que non enviara ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que anulou o nomeamento da irmá do portavoz parlamentario do PPdeG como xefe de servizo de Administración e Persoal.
Milagros Otero entregou varios documentos sobre o expediente que non foron presentados na petición de alegacións que fixo o TSXG ante o recurso dun aspirante ao posto de xefe de servizo, que prosperou e supuxo a anulación do nomeamento de María Puy Fraga, xa revogado pola propia valedora o pasado luns.
A valedora desvinculouse do proceso de selección despois de que os criterios xa estivesen definidos e unha vez que se presentaron os candidatos, xa que unha delas era a filla do seu mentor universitario, Francisco de Paula Puy Muñoz, como ela mesma recoñeceu este xoves en sede parlamentaria. No entanto, cando se inhibiu no proceso, que asumiu o seu adxunto, Pablo Cameselle (nomeado a proposta do PSOE), non dera esta argumentación porque entendía que era unha situación coñecida.
"Imos ver ese asunto no pleno e correspóndelle aos grupos parlamentarios (a decisión)", apuntou Feijóo, quen defendeu que a valedora "non é un nomeamento da Xunta, senón un nomeamento de 3/5 do Parlamento". "E por tanto, imos ser respectuosos co Parlamento e imos ver cales son as propostas de cada grupo parlamentario", indicou.
Feijóo indicou que este xoves, polas explicacións recibidas, "había documentos e informacións" que lle "sorprenden" que "non estivesen na resposta ao recurso que se expuxo". Desta maneira, engadiu, "o xuíz e a sala ditaron unha sentenza co recurso e coa contestación, pero non con outras informacións que onte (por este xoves) deixou no Parlamento".
Así as cousas, o mandatario autonómico entende que é "hora" de que os parlamentarios "valoren toda a documentación que deixou a valedora" e "no próximo pleno cada grupo actuará en consecuencia". Á pregunta de se o Grupo Popular, que el mesmo preside e de quen depende a continuidade de Otero á fronte do alto comisionado, contestou que "non hai reunión do grupo até o martes".
"A VALEDORA NON ENCHUFOU A NINGUÉN"
Tamén o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, remitiu á decisión que adopte o grupo sobre Milagros Otero, pero defendeu que, coas súas explicacións, "queda claro que a valedora non enchufou a ninguén" e incidiu en que se trata dunha praza de libre designación.
"Lembrar aos grupos da oposición que erros na provisión de postos de funcionarios hai moitos; o alcalde da Coruña (Xulio Ferreiro, de Marea Atlántica) ten sentenzas condenatorias pola provisión de 11 postos de libre designación similares ás que afectan á valedora", esgrimiu.
Dito isto, subliñou que "non escoitou ás mareas, ao PSOE ou ao BNG pedir a dimisión" de Ferreiro, co que concluíu que "hai unha sobreactuación por parte dos grupos da oposición" en relación á valedora. Ao seu modo de ver, "está a usarse unha cuestión administrativa".
"Os grupos que din defender a Galicia atacan unha institución que debería estar por enriba do debate político", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.