Galaxia crea a colección Daguerrotipos para salvagardar a memoria fotográfica de Galicia

Publicada en colaboración coa plataforma Phottic, o primeiro volume recolle fotografías da vila de Carballo entre 1900 e 1980.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 04/07/2018 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

'Carballo na memoria' foi o título escollido para inaugurar a colección Daguerrotipos de Galaxia, un novo proxecto co que a editorial pretende contribuír a salvagardar a memoria fotográfica de Galicia.

'Carballo na memoria' foi o título escollido para inaugurar a colección Daguerrotipos de Galaxia.
'Carballo na memoria' foi o título escollido para inaugurar a colección Daguerrotipos de Galaxia.

Realizado en colaboración con Phottic, unha plataforma en liña cun amplo repositorio e arquivo histórico de fotografía galega, este primeiro volume céntrase na vila de Carballo e na súa historia entre 1900 e 1980, un amplo período de tempo onde, quen se achegue ao libro, poderá comprobar como os fotógrafos, profesionais e afeccionados, recolleron a transformación do lugar: urbanística, paisaxística, demográfica... Ao tempo que axudaron a preservar a memoria dos seus habitantes e o espírito dos lugares.

'Carballo na memoria' estivo coordinado polo historiador Xan Fraga Rodríguez, e enmárcase nun proxecto maior para a recuperación da historia fotográfica do concello dun xeito colectivo e colaborativo, onde son as xentes as que achegan o seu saber sobre as imaxes e o amosan nas moitas accións realizadas na súa web www.carballonamemoria.org.

O volume presentarase este xoves, ás 20:00h, dentro da programación da Praza dos Libros de Carballo, onde Fraga Rodríguez estará acompañado por Evencio Ferrero, alcalde de concello, Manuel Pan, responsable de Phottic, e Xosé Soutullo, responsable de produción da Editorial Galaxia. O autor estará tamén o vindeiro domingo, 8 de xullo, ás 12:30h, asinando exemplares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta