A trama Gürtel centrará o próximo pleno do Parlamento galego

Este asunto protagonizará as preguntas que os portavoces de En Marea, PSdeG e BNG formularán ao presidente Alberto Núñez Feijóo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2018 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

A sentenza da trama Gürtel, que condena ao Partido Popular a pagar unha multa de 245.000 euros como partícipe, a título lucrativo, centrará a sesión de control do pleno que o Parlamento de Galicia acolle esta semana e que se celebra despois de que Mariano Rajoy perdese a Presidencia do Goberno español.

El presidente de la Xunta, Núñez Feijóo, en la sesión de control del Parlamento
El presidente de la Xunta, Núñez Feijóo, en la sesión de control del Parlamento | Fonte: Europa Press

Este asunto protagonizará as preguntas que os portavoces de En Marea, PSdeG e BNG formularán ao máximo mandatario autonómico, Alberto Núñez Feijóo, tendo en conta que o Partido Popular vetou tanto a comparecencia do presidente como a convocatoria dun pleno extraordinario para abordar esta cuestión, como así reclamara a oposición na Xunta de Portavoces.

Con todo, este non será o único asunto que se tratará na sesión plenaria deste martes e mércores, días 5 e 6 de xuño, cuxa orde do día inclúe a comparecencia, a petición propia, do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, que informará as medidas que a Xunta impulsa de apoio ás familias e á conciliación.

BNG

Outros asuntos que centrarán o pleno serán o emprego, a sanidade ou a educación. Así, en primeiro lugar, os nacionalistas pedirán un "debate intenso" sobre a "situación económica e social" de Galicia ante a folga xeral convocada pola CIG para o 19 de xuño, tal e como informou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces.

Tamén defenderán dúas propostas para "activar unha axenda feminista" que recolla as demandas das mobilizacións do pasado 8 de marzo, como a creación dunha Mesa interuniversitaria contra a violencia de xénero que "evite" que casos como o do profesor da USC que apoiou a La Manada, Luciano Méndez, poidan repetirse. Ademais, pedirán reformar a Lei de Igualdade para evitar a "discriminación" de mulleres investigadoras "por acollerse aos seus dereitos de conciliación".

PSdeG

Os socialistas, segundo destacou o seu portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, volverán insistir na "falta de atención" do Partido Popular "aos problemas sanitarios dos galegos". En concreto, denunciarán a "falta de cobertura de recursos durante o verán" e pedirán que se "minimice o peche de camas".

Así mesmo, presentarán unha proposición non de lei sobre a "unificación e redución" das axudas a través dos programas de apoio público para desempregados sen prestacións, esixirán penalizar o uso das bolsas de plástico e defenderán unha interpelación sobre o tratamento de residuos líquidos e o impacto das verteduras nas rías galegas.

Ademais, incluirán unha moción para garantir que o tratamento fiscal das axudas aos emigrantes retornados sexa similar ao dos españois, e que non se vexan penalizados polas axudas á invalidez ou incapacidade permanente.

EN MAREA

Pola súa banda, o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, explicou que a formación rupturista levará ao pleno da Cámara a "estafa das caixas" co obxectivo de "forzar" ao presidente da Xunta a que "de conta das súas mentiras respecto ao proceso que dilapidou o sistema financeiro galego".

Os parlamentarios de En Marea preguntarán polos atrasos das valoracións da lei de dependencia que, ao seu xuízo, "están a facerse de forma deliberada para cumprir cos obxectivos de déficit" e presentarán unha iniciativa orientada á conservación do patrimonio do Camiño de Santiago.

PPdeG

Pola súa banda, o PPdeG abrirá o debate sobre o mecenado na investigación ou sanidade, "un fenómeno positivo" no que, segundo ha defendeu o portavoz parlamentario, Pedro Puy, "a Xunta debe involucrarse", aínda que "sempre deixando claro que isto consegue mellorar pero nunca operar como substituto do propio gasto público sanitario". Así, defenderán unha proposición non de lei para fomentar este tipo de accións.

Os populares tamén reclamarán que o Concello de Santiago inicie a redacción do proxecto de accesos á nova estación de autobuses, así como que a Xunta culmine os trámites administrativos para o inicio das obras e a súa execución nos prazos comprometidos.

Por último, no apartado de preguntas ao Goberno, o Grupo Popular cuestionará aos conselleiros sobre os resultados do decreto de garantía de tempos máximos de espera no acceso ás prestacións sanitarias; así como polas medidas que adoptará a Xunta para axudar ás persoas que viron danadas as súas vivendas pola explosión rexistrada en Tui (Pontevedra) o pasado día 23 de maio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Roi Negueira

Moi ben, falemos de Pablo Crespo, a COTOPV, Pedro Puy, Rajoy y José Cuiña