Por X.M. Fernández | Arzúa | 17/02/2018 | Actualizada ás 14:25
Ana Kiro será a gran protagonista da 43ª edición da Festa do Queixo de Arzúa que se presentou o xoves e que contou coa presenza do alcalde, José Luís García, Pilar Díaz-Caso, directora do EFA Piñeiral de Arzúa, Miguel Vallo, concelleiro de Cultura, José Ramón Bernárdez, responsable do concurso Queixo Maquetón e Xosé Luís Carrera, presidente do CRDOP Arzúa-Ulloa.
José Luis García explicou os obxectivos e filosofía da festa e presentou as novidades desta edición. Entre elas, a escolla de Tonhito de Poi como pregoeiro e a homenaxe a Ana Kiro. Este recoñecemento consiste na reprodución da súa sinatura nun prato de Sargadelos e a inauguración dun busto de bronce realizado polo escultor Camilo Seira. Outra novidade para este ano será a instalación dunha gran carpa para facer a festa máis acolledora e cómoda para os asistentes.
O alcalde destacou a colaboración coa EFA Piñeiral, o Concello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa e fixo fincapé en facer veciñanza coas asociacións e os concellos veciños sen entrar en cores políticas. Así mesmo, aproveitou a ocasión para reivindicar o labor promocional que o concello fai cada ano investindo moitos recursos no evento para poñer en valor o queixo e laiouse de recibir menos apoios institucionais que outros eventos de menor relevancia e repercusión.
Pilar Díaz-Caso presentou as actividades que se realizarán na EFA Piñeiral tanto na semana previa como na fin de semana da festa. Obradoiros como “Un queixo que alimenta a túa saúde”, “Marketing e queixo, boas prácticas”, “fotoqueixo”, o primeiro concurso “Pan&Queixo” ou a “Masterclass Piñeiral de cociña creativa. As actividades desenvolveranse nas propias instalación do centro e no stand do recinto feiral.
Miguel Vallo, concelleiro de cultura, encargouse de presentar o amplo programa da 43ª edición, primeiro de todo indicando que haberá 70 expositores, cheo total do recinto, con queixerías de todo Estado, algunhas novas e moitas premiadas. A continuación presentou o cartel do “Festival do Queixo 2018”, este ano baixo unha gran carpa, e destacou tamén o resto de actividades relacionadas co queixo: obradoiros, festival “pequequeixo” para os máis cativos, música polas rúas, fotocol das vaquiñas para queixear, food trucks…
Concluíndo o acto, José Ramón Bernárdez, resaltou a altísima participación no concurso “Queixo Maquetón”, con 44 bandas presentadas, e presentou ao grupo madrileño NO CRAFTS, gañador do 10º aniversario do devandito concurso e que abrirá o festival o sábado 3 de marzo pola noite. E xa para rematar, Xose Luís Carrera, presidente do CRDOP Arzúa-Ulloa, presentou o “Concurso de Petiscos e Tapas” con 22 locais participantes, o faladoiro de Marketing e Queixo e as catas que se impartirán con motivo da festa e antes do evento nos centros educativos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.