Galaxia publicará dous libros inéditos de Neira Vilas

En 2018 verá a luz 'De Gres a Cádiz', un volume de memorias, e en 2019 outro título inédito de corte máis intimista.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/02/2018 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

A Editorial Galaxia publicará durante este ano e o vindeiro, dous libros inéditos de Xosé Neira Vilas. Ambos os textos aparecerán dentro da Biblioteca de Autor que a Editorial Galaxia dedicou, xa en vída, a reunir a obra do escritor inmortal de 'Memorias dun neno labrego'.

Xosé Neira Vilas
Xosé Neira Vilas

Neste ano 2018, durante o mes de abril, publicarase 'De Gres a Cádiz', un libro composto por un “ramallete de lembranzas, de prosas condensadas que comecei a escribir, de vagariño, en xaneiro de 1996”, tal como afirmaba o autor no limiar que deixou preparado para esta edición.

Xosé Neira Vilas —falecido o 27 de novembro de 2015— recoñeceu tamén abordar neste novo libro unha parte da súa vida con nostalxia e coa idea de “revelar, ao meu xeito, a Galicia aldeá de varias décadas atrás”.

E, como é característico de toda a súa produción, literaria ou memorialística, bota man da narración en primeira persoa para dar conta do mundo que viu dende os seus ollos atentos.

Deste xeito en 'De Gres a Cádiz' enmárcanse as vivencias do autor no período comprendido entre a súa estancia no Gres que o víu nacer, e a chegada a Cádiz, cidade onde se embarcou aos 20 anos cara a América disposto a vivir “unha nova etapa vital”.

En definitiva, unha crónica da primeira parte da súa vida que permite completar, con precisión, ese chanzo da súa biografía.

A edición deste novo volume correrá a cargo de Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago e experta na obra de Neira Vilas, quen seguiu de preto a xestación deste proxecto canda ao seu autor.

Xa en 2019 verá a luz outro libro inédito de Xosé Neira Vilas, de corte máis intimista.

Ambos libros foron atopados durante o labor de catalogación da obra do escritor na Fundación Neira Vilas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta