Caballero culpa a Feijóo de "sementar dúbidas" sobre a auga de Vigo para "ocultar a súa neglixencia" e falta de medidas

Insiste en que a auga é potable "cen por cen", independentemente da situación da ETAP do Casal

Vigo | 05/12/2017 | Actualizada ás 19:01 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou este martes ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "sementar dúbidas" acerca da calidade da auga na cidade para "ocultar" a súa "incapacidade" e "neglixencia", por non tomar medidas a tempo para paliar a seca.

Abel Caballero en rolda de prensa
Abel Caballero en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Así o manifestou o rexedor olívico, en declaracións aos medios, e en resposta a unhas manifestacións de Feijóo realizadas este martes nunha televisión de ámbito nacional.

Segundo Caballero, o presidente da Xunta está "instalado na mentira" cando fala da xestión da seca en Vigo, e acusouna de "botar balóns fóra", en lugar de explicar por que non iniciou as obras de transvasamento de emerxencia no Verdugo hai anos (obras que, lembra, si se fixeron na Coruña) ou por que non accedeu a reducir o caudal ecolóxico da presa de Eiras en outubro, tal e como lle reclamou o rexedor.

"De ser resoltas estas cuestións, non estariamos agora neste nivel de gravidade. Habería seca, pero teriamos auga para 180 ó 200 días", incidiu, e engadiu que Feijóo, que "vai de eficiente", mostrou ante toda España que "é un inútil" e cometeu unha "neglixencia gravísima".

POTABILIZADORA

O alcalde de Vigo, quen ve as palabras de Feijóo "un ataque a Abel Caballero", criticou duramente ao presidente da Xunta por cuestionar a calidade da auga da traída. Así, reiterou que a auga en Vigo "é potable cento por cento", do mesmo xeito que o é en Redondela ou no Porriño, cuxas estacións potabilizadoras (ETAP) traballan "no mesmo nivel" que a viguesa do Casal.

Así, o rexedor volveu a explicar que a turbidez da auga débese ao baixo nivel do encoro, pero garantiu que é apta para o consumo. Ademais, lembrou, tanto o Concello como a propia Xunta fan análise periodicamente para verificar esa potabilidade. "Se houbese algún problema xa o diría eu", engadiu.

Con respecto á necesidade de ampliar e modernizar a ETAP do Casal, recollida nun informe municipal de hai varios anos, Caballero afirmou que "a modernidade ou non modernidade dun sistema non impide que a auga sexa cento por cento potable". "A razón do que pasa non é a potabilizadora, a causa é a Xunta (por non facer accedido antes a reducir o caudal ecolóxico e non ter feito o transvasamento de emerxencia)", concluíu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta