A reapertura da mina de Touro levaría ao bordo da extinción o salmón do Ulla

Un traballo científico evidencia o desastre que supuxo a antiga mina de cobre para a poboación de salmón e os riscos que supón a súa reapertura.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/11/2017 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

Un estudo publicado recentemente na revista Environmental Pollution amosa que, analizando os metais pesados nas escamas dos salmóns capturados no Ulla, pódese medir o impacto da mina de Touro na contaminación de cobre e o seu efecto na poblacion desta especie. 

Contaminación na contorna da mina de Touro
Contaminación na contorna da mina de Touro | Fonte: Adega.

Os resultados indican claramente que as verteduras da antiga mina a ceo aberto de Touro, que se pretende reabrir cun novo megaproxecto mineiro para este municipio e o de O Pino, causaron unha reducion significativa do crecemento e supervivencia do salmón do Ulla durante a década de 1980, polo que "a súa reapertura agravaría aínda máis situación do salmon neste río, poñéndoo ao límite da extinción", advirten os científicos nun traballo do que se fai eco Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza).

Os investigadores das universidades de Vigo e Swansea (Gales), e do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo, usaron as mostras históricas das escamas dos salmóns capturados no Ulla entre 1951 e 2012, analizando os metais pesados presentes, especialmente o cobre. Como comparativa, analizáronse tamén as escamas dos salmóns capturados no Miño, que non acolle verteduras de cobre procedentes da actividade mineira.

A influencia da mina durante o seu periodo de actividade (décadas do 70 e 80) vese claramente no incremento da deposición de cobre nas escamas dos salmóns do Ulla, e que multuiplicaban por sete as cantidades atopadas nos peixes despois do peche da mina.

Tendo en conta tamén as distintas poboacións de salmón do río, áchase que a bioacumulación de cobre é máis intensa na fase xuvenil, cando os salmóns están nos treitos altos do río. Isto afectou o crecemento dos peixes, que descenderon de tamaño fortemente en comparación cos salmóns do Miño. E ao cesar a actividade da mina, o crecemento recuperouse aos níveis anteriores ao incio da actividade.

Comparación da abundancia de salmón nos ríos Miño e Ulla, este último afectado polo cobre da mina de Touro / P. Moran et al. / Environmental Pollution 234 (2018) 253 e259.
Comparación da abundancia de salmón nos ríos Miño e Ulla, este último afectado polo cobre da mina de Touro / P. Moran et al. / Environmental Pollution 234 (2018) 253 e259.

Asemade, observouse un descenso na abundancia de salmóns no Ulla durante o periodo de actividade da mina de Touro, descenso que aínda non deu recuperado hoxe.

Nas súas conclusións, os investigadores suxiren que a exposición a níveis subletais de cobre procedente da mina de Touro aumentou a mortalidade xuvenil dos salmóns do Ulla, diminuindo significativamente as capturas.

Adega lembra que nun marco xeral de descenso das poboacións de salmón atlántico en todo o Estado, a contaminación por metais pesados procedentes da actividade mineira "dificultará aínda máis a recuperación desta especie".

E no caso da volta á actividade da mina de Touro, a xuízo dos científicos este feito pode ademais situar o salmón do Ulla ao borde da extinción, saliéntase.

"Eis unha razón máis para que a Xunta rexeite a reapertura da mina de Touro e para que, como xa ten solicitado Adega noutras ocasións, protexa as escasas poboacións do salmón atlántico galego, hoxe ao bordo da extinción polo deterioro (encoros, minas, verteduras...) do seu hábitat", subliña esta organización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta