Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de presentar as súas alegacións ao proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de avaliación de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael nº 2946 (O Pino e Touro). A agrupación científica asegura que existen "diversas deficiencias e contradicións do propio estudo".

Mina en Touro.
Mina en Touro.

Para a SGHN, "máis aló de identificalos como residuos non inertes pola súa grande propensión a xenerar drenaxe ácedo de mina, non se proporciona información sobre concentración de metais e metaloides potencialmente perigosos (con concentracións ata mil veces maiores que o promedio da codia terrestre), e a correspondente clasificación de perigosidade dos residuos mineiros".

A agrupación científica tamén alega que "o proxecto tería un grande impacto sobre a auga e os ecosistemas acuáticos ao contemplar o desvío dos regos do Burgo e das Pucheiras nun treito de 984 m e de 1225 m, respectivamente, a supresión de 850 metros do Rego da Reigada, a desaparición de ata 20 mananciais e 5 depósitos que abastecen de auga a non menos dun cento de vivendas e explotacións gandeiras, e posibles afeccións a outros mananciais próximos ás zonas previstas para depósitos de estériles".

Sobre os denominados “depósitos de estériles”, matiza que se trata realmente de "balsas de lodos permanentes, contidas por diques de 2.806 e 3.187 metros de lonxitude e alturas de ata 74 e 81 metros, que se encapsularían ao final da súa vida útil".

"No caso de fallar ditos diques enormes, que rodearían por dous dos tres lados á aldea de Arinteiro a menos de 250 metros de distancia das casas, o estudo recoñece que terían consecuencias moi altas en canto a perda de vidas humanas, danos ao medio ambiente e perdas económicas, e iso sen ter avaliados os seus efectos sobre a ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza, as especies ameazadas (nomeadamente Margaritifera margaritifera e Galemys pyrenaicus), a riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e o Humidal Ramsar Complexo intemareal Umia-Grove-Carreirón", prosegue a SGHN.

Nesta liña, eses chamados “depósitos de estériles” quedarían, salienta a SGHN, "indefinidamente almacenados diversos compostos químicos empregados para separar o cobre e que teñen distinto grao de perigosidade para as persoas e o medio ambiente". En concreto, son monobutil eter etilenglicol (2.850 toneladas): irritante; xantato amílico potásico (9500 toneladas): tóxico e irritante, pode ser nocivo para a fauna acuática, e isoopropil etil tiocarbamato (2.475 toneladas): irritante, alerxénico e nocivo para as persoas, sospeitoso de causar cancro, nocivo para os organismos acuáticos con efectos a longo prazo e non fácilmente biodegradable.

A SGHN tamén subliña que o estudo de impacto ambiental "non menciona que a menos de un quilómetro da contorna da explotación mineira existe unha vintena de núcleos de poboación, unha gardería, unha residencia da terceira idade, unha piscina municipal, unha área recreativa, o Centro de Interpretación do Río Ulla e o Centro de Protección Civil, que en maior ou menor medida sufrirán as vibracións de 6 voaduras diarias (cada unha con entre 9 e 16 toneladas de explosivos), e tampouco os posibles efectos dos micro-terremotos sobre a estabilidade dos diques das balsas de estériles".

ESTUDO SOCIO-ECONÓMICO

No caso do estudo socio-económico, consideran que "é moi pouco rigoroso", xa que "emprega continuamente datos erróneos, contraditorios ou desactualizados". Por exemplo, no emprego: "mentres sobreestima nun 20% os empregos directos reais que crearía a mina, subestima en máis dun 50% a importancia do tecido produtivo do sector primario, que amosa indicadores de vitalidade e importancia moito máis elevados que no resto da provincia e de Galicia".

Ademais, consideran que presenta datos "desactualizados e hoxe non válidos" sobre as taxas de paro na comarca. E critican que compare os datos dos censos agrarios de 1999 e 2009, "cando na propia páxina do Instituto Galego de Estatística se advirte expresamente que ditos censos non son comparables pola diferente metodoloxía empregada."

A agrupación científica sinala tamén erros nos datos demográficos, xa que o proxecto mineiro "presenta como solución contra o despoboamente empregando datos inexactos (comparación con minas en Asturias) e esquecendo que durante o periodo de actividade da antiga mina de cobre con Río Tinto a evolución demográfica dos concellos afectos foi peor que no periodo posterior coa mina parada".

E sobre a renda per cápita, din que "se basea nos datos de ingreso medio por fogar da area de Santiago (comarcas da Barcala, O Sar e Santiago), cando nesa enquisa do Instituto Galego de Estatística a comarca de Arzúa, xunto coas de Ordes e Terra de Melide, se inclúe na área da Coruña suroriental, polo que a análise que se fai é totalmente errónea".

Por último, alertan do impacto que tería a mina sobre o patrimonio arqueolóxico. 

NOVO ESTUDO 

Por todo isto, a SGHN solicta á Xunta que se rexeite o Estudo de Impacto Ambiental do proxecto e se esixa a elaboración dun novo estudo de impacto ambiental que inclúa os datos de concentración de metais e metaloides potencialmente perigosos e a correspondente clasificación de perigosidade dos residuos mineiros; unha simulación dos efectos humanos, sanitarios, económicos e ecolóxicos do pior accidente posible provocado pola rotura das balsas de estériles; unha análise seria e rigorosa do impacto do proxecto mineiro sobre a poboación e o tecido produtivo. o recurso auga, en cantidade e calidade, a paisaxe, as especies ameazadas (vulnerables ou en perigo de extinción) que se poderían ver afectadas, nomeadamente Margaritifera margaritifera e Galemys pyrenaica, e os espazos naturais protexidos: ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza e Humidal Ramsar Complexo intermareal Umia-Grove-Carreirón.

Tamén solicita que se esixa á empresa a contratación dun seguro de responsabilidade civil, nunha compañía de seguros radicada na Unión Europea e suxeita á lexislación da UE, para facer fronte a todos os danos previsibles de acordo coa simulación do pior accidente posible, na liña do establecido pola Directiva 2004/35/CE e a Lei estatal 26/2007 sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais; que, ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no Artigo 6 da DC 92/43/CEE e no Artigo 45.6 da Ley 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, non se autorice a afección sobre hábitats de conservación prioritaria na UE (DC 92/43/CEE) e especies incluidas nos catálogos estatal e autonómico de especies ameazadas.

Por último, tamén esixen que se realice unha intervención arqueolóxica previa, exhaustiva, independente e supervisada pola Consellería de Cultura na zona do castro de Copa e tamén no resto da superficie que afectaría o proxecto, e que se esixa a instalación dunha rede automática de monitoreo de calidade ambiental das augas que salgan da mina, con acceso libre en tempo real na web de Augas de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Kilo

Haberá que preguntar ás universidades de Vigo e Coruña porqué permiten que algúns dos seus catedráticos e profesores titulares formen parte do negocio

1 xilgaro

Os veciños(moitos) agradecemos que a SGHN presentara alegacions a este proxecto.O apartado socieconomico desmonta unha serie de argumentos dos pro-mina