Científicos galegos participan na Bretaña na protección dunha das especies máis ameazadas do mundo

O Cardiño da Lagoa tamén está en perigo de extinción en Galicia. Pablo Ramil-Rego e Serafín González teñen xa realizado numerosas investigacións para a súa preservación.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 11/09/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Hai menos de 10.000 exemplares e todos concentrados nunha área de 1.000 m² en Morbihan, un departamento da Bretaña. Trátase do Cardiño da lagoa ou Eryngium viviparum, no seu nome en latín. Esta especie herbacea está en perigo extremo de desaparición e, por iso, está protexida a nivel europeo.

De feito, só se pode atopar en Galicia, en Sanabria e na zona norte de Portugal, ademais de na Bretaña. Pero o seu número vai en descenso. O Cardiño da lagoa está no catálogo galego de especies ameazadas e conta cunha severa protección. Tamén é obxecto de alta protección en Francia e conta cun plan específico de acción para a súa preservación desde o 2012.

E na avalación deste plan para a protección desta especie na Bretaña participan dous dos grandes especialistas no mundo no Cardiño da lagoa, Pablo Ramil-Rego, director do IBADER (Instituto de Biodiversidade Agrícola e Desenvolvemento Rural), da Universidade de Santiago de Compostela, e Serafín González Prieto, presidente da Sociedade galega de Historia Natural (SGHN).

Plan específico

Estes dous especialistas traballan estes días na zona de Saint-Cado, Belz e a ria de Etel, que é onde se atopa esta especie. Alí explicaron os éxitos obtidos para a protección do Cardiño da Lagoa (reprodución in vitro, reimplantations, investigación das interaccións con outras especies). "Este plan será avaliado en 2018 e a intención é de renovalo para un segundo período", sinalou Michel Bacle, xefe do servizo patrimonio natural da DREAL (Dirección Rexional do Medio Ambiente) en declaracións recollidas por Le Telegràmme.

Neste plan, ademais do Ministerio de Medio Ambiente de Francia e dos especialistas galegos, participan Bretaña Vivante, o Conservatoire, o sindicato intercomunal da Ria de Etel e o departamento de Morbihan. Entre os obxectivos está crear unha rede de sitios refuxios alí onde a éryngium fora catalogado con anteridade( como nas zonas de Ploemel, Carnac ou Locmariaquer).

E entre as accións de terreo tamén figura a conservación do pasto coa introdución de vacas, que se revelou un importante sistema para renovar a agricultura extensiva e manter esta especie.

Moi restrinxida

O cardiño da lagoa, ou Eryngium viviparum, é unha herbácea perennifolia, que alcanza un tamaño de 2–10 cm de altura e ten flores de cor azul. Atópase en lugares con enchoupamento temporal, frecuentemente en substrato silíceo; a unha altitude de 300-1100 metros no noroeste de Francia (Morbihan) e noroeste da Península Ibérica (Galicia, comarca de Sanabria, arredores de Porto). En Galicia pode atoparse principalmente no interior da provincia de Lugo (Terra Chá) e Ourense.

O Cardiño da lagoa ou Eryngium viviparum
O Cardiño da lagoa ou Eryngium viviparum | Fonte: biodiversidade.eu

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta