Así son a mámoa do Pico de Sinde e o Castelo de Borneiro, ameazados polo plan eólico Mouriños

A mámoa neolítica, da que se publica por primeira vez unha imaxe, atópase próxima ao aeroxenerador M1 do parque eólico que proxecta Gas Natural Fenosa nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas, mentres que o Castro de Borneiro, da Idade do Ferro, con posterior ocupación medieval, está próximo ao aeroxenerador M3.

Por Galicia Confidencial | Cabana de Bergantiños | 07/08/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O polémico Parque Eólico Mouriños, de Gas Natural Fenosa, non só tería consecuencias ambientais e paisaxísticas, como denuncian varias organizacions ecoloxistas. Tamén afectaría importantes bens do patrimonio arqueolóxico galego, en concreto o denominado Castelo de Borneiro e a mámoa do Pico de Sinde. A alerta activouna Salvemos Cabana, que vén de denunciar que, segundo a documentación que a Xunta puxo a disposición do público durante a fase de alegacións a este proxecto, "o plan proposto inclúe dentro da súa poligonal" estes dous bens arqueolóxicos.

Mámoa do Pico de Sinde
Mámoa do Pico de Sinde | Fonte: Salvemos Cabana.

MÁMOA DO PICO DE SINDE

No Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos do Concello de Cabana de Bergantiños, a mámoa do Pico de Sinde aparece co código identificador GA15014046. Trátase, segundo a propia descrición da ficha, consultada por GC, dun túmulo megalítico do Neolítico cun grao de protección II (xacementos arqueolóxico que non están declarados Ben de Interese Cultural).

Sito na parroquia de Canduas, no sitio de Sinde, trátase dun "túmulo megalítico de aproximadamente uns 11 metros de diámetro e 80 centímetros de altura", segundo se detalla no Catálogo do Concello de Cabana, no que se engade: "Atópase situado en terreos de monte alto, nunha zona de forte pendente. Presenta un estado de conservación bastante aceptable".

Salvemos Cabana acudiu a este enclave e comprobou que se trata dunha mámoa "realmente fermosa" da cal, aseguran, "por primeira vez" se publica unha fotografía. A mámoa atópase nun punto anexo ao aeroxenerador M1 dos catro que pretende instalar Gas Natural Fenosa na comarca, no proxecto Parque Eólico Mouriños. Trátase, ademais, dunha área de "especial risco arqueolóxico", segundo Salvemos Cabana, pola súa proximidade ás infraestruturas previstas na planificación.

Castelo de Borneiro
Castelo de Borneiro | Fonte: Salvemos Cabana.

CASTELO DE BORNEIRO

O outro xacemento arqueolóxico afectado por este plan eólico é o coñecido como Castro ou Castelo de Borneiro, que aparece identificado no Catálogo do Concello de Cabana de Bergantiños co código GA15014003. Ao igual que a mámoa do Pico de Sinde, conta cun nivel de protección de grao II. Trátase dun asentamento fortificado da Idade do Ferro e Medieval, segundo consta na súa ficha.

O Castro de Borneiro é un "hábitat fortificado construído no alto dunha afloración granítica aproveitada para potenciar todo o sistema defensivo", dise na descrición da ficha arqueolóxica, consultada por GC. Nesta engádese: "Esta croa aparece circundada por tres antecastros situados ó sur, leste e oeste, que ademais de potenciar o sistema defensivo de todo o conxunto, amplían considerablemente a superficie habitable. O xacemento sitúase en terreos de monte alto. Presenta un excelente estado de conservación, sendo aínda visibles partes da muralla que delimitaría algún dos antecastros".

Este xacemento atópase próximo ao aeroxenerador M3 do proxecto eólico Mouriños.

SEN ESTUDO DE IMPACTO ARQUEOLÓXICO

Salvemos Cabana lembra que no texto sometido a consultas o preceptivo estudo de impacto arqueolóxico figura aínda como "pendente". É dicir, ninguén se molestou en analizar o impacto do parque eólico no patrimonio arqueolóxico da comarca. A Plataforma considera, neste sentido, que este debería ser un requisito previo ao comezo do procedemento de tramitación pois de non ser así, non resulta posible unha valoración de posibles efectos na fase de exposición pública.

Doutra banda banda, na sección dedicada ao "control e seguimento arqueolóxico" afírmase textualmente que o técnico encargado do control especializado neste terreo farase cargo "de calquera eventualidade de índole arqueolóxica que poida xurdir durante o desenvolvemento das obras" pero "evitando, na medida do posible, a paralización ou demora dos traballos". Así mesmo sinálase que "o contratista deberá colaborar co arqueólogo no correcto seguimento arqueolóxico da fase de obras, comunicando a este as posibles incidencias que poidan supoñer unha alteración para que este poida valorar se existe algún elemento de patrimonio a protexer (...) ou pola contra a obra debe proseguir".

Destas afirmacións, valorando a redacción do texto, despréndese, segundo Salvemos Cabana que "é o técnico contratado pola empresa quen decide o destino de calquera achado arqueolóxico, pero sempre que sexa posible evitando a paralización ou demora das obras."

A plataforma considera, e así o fixo constar no seu escrito de alegacións a este proxecto, que "este feito outorga, de facto, unha capacidade decisoria sobre o patrimonio cultural galego" que, ao seu xuízo, "non estaría xustificada sen a presenza dun representante público que poida controlar como levan a cabo os labores propostos, algo que a priori non se contempla na documentación que a Xunta fixo pública durante o período de exposición, ao aparecer a empresa promotora como entidade responsable da xestión do tema arqueolóxico a través do seu propio equipo técnico".

RISCO DE INTERVENCIÓNS NON AUTORIZADAS

Finalmente, debido á importancia dos xacementos, GA15014003 (pertencente á Idade do Ferro con posterior ocupación medieval) e GA15014046 (Neolítico), aínda tendo en conta o correspondente balizado, o suposto control dos movementos de terras e mesmo a hipotética inspección dos perfís das gabias abertas para as liñas de interconexión subterráneas, Salvemos Cabana considera que "hai un inevitable impacto derivado do establecemento das vías de acceso unha vez finalizadas", que é o "incremento de accesibilidade para o común do público e o consecuente tránsito de vehículos a motor, algo que no caso da Mámoa do Pico de Sinde é especialmente preocupante", subliñan.

Para a plataforma, os efectos desta accesibilidade, "quizais non contemplados en toda a súa amplitude pola promotora", son os que determinan o risco de que ambos os xacementos poidan sufrir episodios non autorizados de busca, espolio ou alteración do patrimonio cultural sen o coñecemento nin o permiso das autoridades competentes, non garantíndose así a conservación dos xacementos, polo que o efecto indicado como "non significativo" pola empresa en canto á posibilidade de afeccións de carácter arqueolóxico derivadas do proxecto eólico poderían transformarse en xustamente o contrario pola falta de vixilancia do complexo unha vez instalado, alertan.

Salvemos Cabana dispuxo un escrito xenérico para todas aquelas persoas interesadas nas alegacións a este proxecto e que pode descargarse en ir.gl/alega e entregarse en calquera rexistro público. Debido a un cambio na lexislación vixente, a Xunta de Galicia ampliou o prazo de presentación de alegacións ata o 17 de agosto. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta