Por Manuel Vilas | Ordes | 18/04/2017 | Actualizada ás 08:00
Explique as vantaxes que para a comarca Erimsa entende que traerá a mina. En concreto, cantos postos de traballo contemplan crear e por canto tempo?
Nestes intres, contamos con 70 traballadores no centro de produción de Frades. Si poñemos en marcha o proxecto, crearemos 8 novos postos de traballo directos, e poderemos manter os xa existentes. Ademais, xeraranse empregos indirectos a través da contratación de empresas auxiliares, sempre da zona.
Ademais do emprego, como Erimsa traballa única e exclusivamente en réximen de aluguer con acordos voluntarios, os propietarios dos terreos arrendados recibirán unha cantidade económica importante durante dous exercicios por ceder as fincas na época máis seca do ano para que levemos a cabo a nosa labor e poderán seguir traballando nelas ata o mesmo día en que comecemos a extraer o seixo.
Xa, pero as fincas que devolvan van ser útiles para producir de novo?
Garantímoslle sempre que recuperarán o terreo para o seu uso anterior no mínimo espazo de tempo posible. En ningún caso perden produtividade nin baixa o rendemento. Poderán seguir plantando os seus cultivos ou pastando as reses sen ningún tipo de problema. Levamos traballando deste xeito durante máis de trinta anos na zona e, ata o de agora, non tivemos ningún problema.
O tempo de ocupación das parcelas alugadas é tan curto (1,5 Has por mes) que, en caso de solicitar a PAC, esta non se perde porque en ningún momento altérase o ciclo dos cultivos.
Máis de 600 titulares de terreos de Frades, Mesía Ordes e Oroso ratificaron por escrito que Erimsa lles devolveu as súas fincas en perfecto estado para continuar co seu uso anterior. É unha garantía para os propietarios dos terreos que queiran sumarse ao noso acordo de xeito totalmente voluntario. O cuarzo é un mineral inerte e non achega ningún tipo de nutriente ás terras, por tanto a súa extracción non modifica os valores produtivos dos terreos.
A zona de Xanceda-Mesía é unha das comarcas do país máis centradas na produción do leite. Que impacto estiman que tería a mina neste sector? Como influirá a unha granxa próxima a presenza da mina aínda que non estea directamente sobre os seus terreos?
Somos conscientes da importancia da produción do leite na zona; sabemos que é un dos principais motores económicos para os veciños e, por iso, somos absolutamente respectuosos. Reiteramos que a nosa actividade é totalmente compatible coa actividade agrícola e gandeira. En ningún caso, afectará a granxas, vivendas, explotacións, nin ningunha infraestrutura pública de interese xeral. Está demostrado que o noso traballo polo método de precribado de terreos durante estes anos non tivo ningunha influencia negativa na produción de leite; é mais, moitos terreos improdutivos puideron utilizarse despois do noso traballo como terras de labor para cultivos de millo e prado.
Hai que ter en conta tamén que desenvolvemos un sistema de cribado, que se pon en marcha retirando a capa vexetal da terra a un lado, despois extraemos o mineral cun oco de escavación de 2,5 metros como máximo e finalizamos, enchendo cos materiais que non son útiles para nós, achandando o terreo seixo e cubríndoo coa capa vexetal separada ao inicio do proceso. É un proceso respetuoso co entorno.
Vostedes comprometéronse publicamente a renunciar ao dereito de expropiación. Por que toman esta iniciativa? Abre isto a porta a pagos polos terreos maiores dos que normalmente outorga o procedemento administrativo?
Comprometámonos publicamente como mostra de boa vontade de respecto aos lexítimos donos dos terreos, demostrando que eles serán os únicos que poderán decidir que facer cos mesmos. Erimsa non ter interese algún en expropiar o terreo a ningún propietario, aínda que a propia Lei de Minas permíteo. Como che dicía, traballaremos única e exclusivamente en réxime de aluguer, pactando as condicións económicas previamente cos titulares das fincas e alcanzando acordos voluntarios. Levámolo facendo así moitos anos e queremos seguir nesta liña. Tamén ratificamos este compromiso e esta renuncia ao dereito á expropiación ante notario.
Os opositores á mina cualifican esta oferta -a de renunciar á explotación chegando a acordos con cada particular- de "artimaña" porque din que sería nula legalmente, polo que como último recurso vostedes sempre poderían recorrer á expropiación. Que lles respondería?
Artimaña é o argumento dos opositores á nosa actividade xa que inicialmente sementan a alarma social indicando que o noso proxecto é unha autorización por parte da Xunta de Galicia dunha macroexpropiación e unha vez que a compañía pública e oficialmente comprométese ante os veciños e institucións renunciando ao seu dereito (dereito que nunca aplicou nos últimos 30 anos) din que é nulo legalmente. Como nota aclaratoria queremos indicar que a norma xeral en dereito é que os dereitos son renunciables, só nun pequeno ámbito (dereitos humanos e algúns dereitos laborais) son irrenunciables. O dereito á expropiación é, importante salientalo, renunciable sen ningún tipo de dúbida e sen que quede ningunha discusión legal respecto diso; é clara e taxativamente renunciable.
Cantos anos está previsto que funcione a mina? Mesía Unida tamén alerta que, despois da explotación, as zonas quedarán case que improdutivas, debido a que terán moito lodo ...
A concesión témola por trinta anos. O noso é un proxecto a medio e longo prazo, de aí o noso especial interese en facer as cousas ben, con beneplácito de tódolos implicados: concellos,veciños, mancomunidades, asociación, empresarios, etc.
A cantidade de lodo seguirá sendo a mesma que as leiras teñan no inicio da nosa actividade e o noso sistema de explotación fai que estes lodos queden localizados na mesma posición que tiñan orixinalmente. Garantimos que se mantén o rendemento do terreo e nalgúns casos mellorámolo xa que transformamos terreos improdutivos en terras de labor ao deixalos acondicionados segundo a preferencia do propietario.
As 1.600 Has que traballamos nestes anos quedaron en perfecto estado e están aí para ver. Desde aquí ofrecémonos a mostrar a todo aquel que estea interesado ou preocupado, o resultado do cribado do terreo. Os máis de 600 propietarios cos que pactamos os alugueres non poden estar equivocados.
Como convencería a un veciño que, sen estar directamente afectado pola mina, teme que a calidade do medio ambiente da zona se deteriore debido á explotación do seixo?
Gustaríanos que se fiase da nosa palabra pero, en todo caso, emprazámolos a que falen con algún propietario de terreo ao que xa lle cribamos a finca no pasado. De seguro que o ía convencer de que non perxudicaremos nin ó medio ambiente nin ás principais actividades económicas da comarca de Ordes.
Ademais do proxecto para a zona de Mesía-Xanceda, Mesía Unida asegura que hai outros proxectos similares para explotar Seixo na zona por parte de Erimsa. É certo?
Temos o permiso de investigación para tratar de localizar seixo en outras zonas da comarca, pero aínda non hai nada firme porque primeiro hai que saber onde se atopa, a calidade, etc. Unha vez teñamos información exacta, presentaremos os correspondentes proxectos e solicitaremos os permisos pertinentes, pero iso é futuro.
Cando se fala de mina a todo o mundo váiselle o pensamento a grandes ocos e a destrucións case permanentes dos terreos cuns longos tempos para a súa recuperación. No noso caso, chámaselle mina porque o que se extrae é un mineral, pero o método de extracción dista moito dos sistemas mineiros convencionais xa que realmente é máis un traballo agrícola que mineiro. No argot agrícola é un despregado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.