As cooperativas galegas son máis sólidas cás do resto do Estado

Un estudo salienta o aumento destas sociedades no país, o seu papel destacado para crear emprego durante a crise, a súa maior resistencia e o seu atractivo para mulleres emprendedoras.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 06/03/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Existe un segmento en Galicia que non seguiu a mesma tendencia que o tecido empresarial xeral durate os anos duros da crise económica e que foi capaz de crear emprego, en concreto "un total de 206,63 postos de traballo, pasando de significar un 0,84% das persoas ocupadas en Galicia no último trimestre de 2007 a un 1% seis anos máis tarde". Este segmento é o que comprende o cooperativismo. Así o reflicte o estudo 'Emprendimiento Cooperativo en Galicia con perspectiva de género: una forma de afrontar la crisis económica (2008 – 2014)', asinado por Ana Olveira Blanco, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no que a autora afirma que "é evidente a diferenza no comportamento que existe entre as realidades galegas e do conxunto do Estado" neste eido. 

Sinatura do convenio das catro cooperativas leiteras galegas
Sinatura do convenio das catro cooperativas leiteras galegas | Fonte: Campo Galego.

A partir dos datos analizados sobre as sociedades cooperativas en Galicia e no resto do Estado, Olveira Blanco afirma que "o cooperativismo en Galicia posúe unha taxa de mortalidade moi reducida", moito menor que no resto do Estado, mostrándose máis sólido no noso país que na nosa contorna.

"A fortaleza das empresas creadas baixo fórmula cooperativa en Galicia é superior ao mesmo tipo de empresas no conxunto do Estado e moi superior á que posúen a totalidade das novas sociedades creadas. O cooperativismo, parece polo tanto, un valor seguro para a difícil situación que sofre o mercado de traballo en Galicia", conclúe a investigadora. 

MÁIS COOPERATIVAS

Para a súa análise, a investigadora recolleu e analizou datos referidos ao período 2007-2014, anos duros da crise económica, durante os cales o número de cooperativas creadas en Galicia mostrou "unha tendencia crecente, situándose en 2014 un 40% por enriba con respecto ao ano 2008"; tendencia que, comparada cos datos do total de sociedades cooperativas resto do Estado, "é moito máis esperanzadora", aporta Olveira Blanco.

Cooperativa agraria de Kiwi.
Cooperativa agraria de Kiwi.

Á par que a tendencia no número de cooperativas creadas en Galicia foi á alza durante eses anos, o número de cooperativas activas tamén aumentou exercicio tras exercicio até un 15% máis de entidades en funcionamento en Galicia. Dato que, segundo a investigadora da USC, "incide no comportamento anticíclico do sector". 

Con todo, Olveira Blanco explica que "non todo é lineal no comportamento do sector", xa que "o tipo de cooperativas que se formaron nos últimos anos camiñan cara a unha restruturación do cooperativismo en Galicia". Así, sinala os cambios máis destacados que sustentan esta afirmación: primeiro, a redución drástica da constitución de cooperativas de vivendas, afectada polos cambios que soporta o conxunto, de xeito que se en 2008 se crearon en Galicia un total de 17 cooperativas de vivendas con máis de 1.060 persoas socias, nos anos posteriores as iniciativas que deron lugar á constitución deste tipo de entidades tamén existiron, pero o volume do total de persoas socias no conxunto dos anos 2009 a 2014 apenas chega á metade do 2008; en segundo lugar, a retardación da creación de cooperativas agrarias, afectadas polas dificultades que está a sufrir o sector primario, baixando ano tras ano a constitución de novas sociedades; en terceiro lugar, un aumento do cooperativismo de traballo, observándose que tres de cada catro cooperativas creadas no últimos catro anos son de traballo asociado e case un 60% das constituídas desde o ano 2008 ao 2014, sendo a opción máis escollida polas persoas que emprenden baixo fórmula cooperativa. 

MÁIS EMPREGO

Olveira Blanco observou que o cooperativismo serviu en Galicia "como un refuxio para o emprego non só salvagardando o existente", senón que tamén contribuíu a "xerar as condicións óptimas para incentivar o nacemento de novas realidades organizacionais". Así, aporta que "o cooperativismo galego é capaz de manter unha tendencia alcista de nacemento de empresas e creación de emprego mesmo cando as circunstancias externas non son favorables". 

Nos anos de crise, o total de emprego cooperativo en Galicia gañou peso con respecto ao conxunto da economía galega, pasando de 20.896 persoas a finais de 2007 (1,75% do total de ocupados en Galicia) a 21.289 (2,1%), mentres se destruían milleiros de postos de traballo noutros tipos de empresas.

"Estes datos axudan a afianzar a hipótese que incide en que a economía social, e en concreto o cooperativismo, posúen un comportamento anticíclico", explica a autora do estudo. No caso galego, isto reflíctese en que durante unha profunda recesión económica o cooperativismo foi "capaz non só de manter o emprego, senón de xeralo", engade Olveira Blanco.

Ademais, o aumento no número de empregos estivo acompañado por unha tendencia crecente no número de cooperativas que se puxeron en marcha en Galicia, en contraste coa tendencia de sociedades constituídas no conxunto do Estado, o cal outorga singularidade ao caso galego.

EMPRENDEMENTO FEMININO

Dende unha perspectiva de xénero, o movemento cooperativo en Galicia, do mesmo xeito que no conxunto do Estado, "está a ser obxecto desa toma de poder das mulleres". "Cada vez son máis as mulleres que deciden elixir o cooperativismo como fórmula de emprendemento colectivo. Chegando nalgúns momentos da serie analizada a superar en número as emprendedoras aos emprendedores", salienta a autora da investigación.

Olveira Blanco albisca un "cambio de tendencia", xa que nos últimos exercicios a porcentaxe de socias con respecto ao de socios varía, situándose por baixo do 40% nos tres últimos exercicios". Porén, "os peores exercicios para o emprendemento feminino xeral, especialmente anos 2010 e 2011, coinciden coas mellores cifras no cooperativismo", aporta a investigadora.

Os datos comparados entre a evolución do emprendemento no cooperativismo de traballo con perspectiva de xénero e a totalidade do tecido empresarial permitiron a Olveira Blanco comprobar que "as mulleres emprendedoras se achegan a este modelo nunha porcentaxe superior á media do que representan as mulleres no emprendemento global". Parece, polo tanto, confirmarse que existe unha "preferencia das mulleres emprendedoras galegas polo cooperativismo, en concreto polas cooperativas de traballo", conclúe a investigadora da USC.

Promotores da cooperativa Nosa Enerxía.
Promotores da cooperativa Nosa Enerxía.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta