Temas: BAIONA FUXIDAS

Baiona lanza unha festa da Arribada con novidades

A nivel organizativo destaca o sentido único para os peóns que se movan polas rúas da zona histórica, unha demanda dos comerciantes. As principais autoridades do país acudirán a unha festa que comeza este venres ao mediodía.

Por GC Tendencias | Baiona | 02/03/2017 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

Todo listo na vila de Baiona para festexar a noticia do Descubrimento de América. A  XXII Festa da Arribada comeza en cuestíon de horas, este venres. Un dos prazos fortes será este domingo cun espectacular teatro ao aire libre que nos fará retroceder medio milenio na historia. 

Teatro na presentación da Festa da Arribada de Baiona
Teatro na presentación da Festa da Arribada de Baiona | Fonte: M.V.

Sentido único e vaso oficial

A nivel de organización, cómpre que todos os visitantes teñan claro que haberá un novo sentido único de circulación para os peóns nas principais rúas da zona vella. Era unha reivindicación da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba) para facer máis fluído o tránsito no casco vello.

Os bebedores deben ter en conta que este ano estréase o vaso oficial da Arribada. Trátase dun envase de cartón co logo da festa que permite eliminar definitivamente das rúas os vasos de cristal e barro que complicaban máis a recollida do lixo.

Programa

A Misa Solemne (12:00 horas) na igrexa de Santa María e a exposición sobre a carpintería de ribeira (13:00) no Casal do Rexemento (Casa do Concello) serán os primeiros actos do venres. Xa pola tarde (17:45 horas), no Parador Conde de Gondomar, será o momento da recepción de autoridades e a homenaxe ao Capitán Marín Alonso Pinzón.

Autoridades na presentación da Festa da Arribada de Baiona
Autoridades na presentación da Festa da Arribada de Baiona | Fonte: M.V.

O alcalde, Ángel Rodal, presidirá os actos aos que xa confirmaron a súa asistencia o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijó, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, entra outras autoridades. Tamén estarán presentes os representantes dos pobos irmandados de Palos de la Frontera (Huelva), Santa Fe (Selecta), Vila do Bispo (Portugal), Pornic (Francia) e Rafael Freyre (Cuba).

“É o momento de desfrutar do traballo feito durante un ano e todo está xa preparado. Quero invitar a todos os nosos visitantes a revivir a chegada da carabela A Pinta e soñar con histórico momento da Arribada”, sinalou este xoves Ángel Rodal.

Nas últimas horas completáronse os traballos para a apertura do Real Mercado no Casco Vello, que este ano crece ata a rúa Marqués de Quintanar con máis de 200 postos, e tamén ultimáronse os ensaios das representacións teatrais na Praia da Ribeira. Ademais, este xoves, inaugurouse a mostra de traxes tradicionais no Liceo Marítimo e a historiadora Luisa Pazos impartiu unha conferencia no Monte Real Club de Yates.

Homenaxe a Pinzón

Xa o sábado, a partires das 11:00 horas no Paseo Pinzón será o momento para o descubrimento da placa conmemorativa do capitán da Carabela A Pinta coa actuación do Coro “Amigos de Milagros” de Palos de la Frontera. Ás 11:30 horas, no Paseo da Ribeira, haberá unha visita ás Paradas dos Pobos Irmáns: Palos de la Frontera, Santa Fe, Pornic, Vila do Bispo e Baiona, e ás 12:00 horas celebrarase o Gran Desfile Medieval polo Real Mercado coa participación de toda a animación da Festa da Arribada.

Dispositivo de seguridade

Un total de 200 efectivos da Policía Local, Garda Civil, Policía Autonómica, Protección Civil, Grupo de Emerxencia Supramunicipal e Axencia Galega de Emerxencias participarán nun dispositivo de seguridade que contará por primeira vez cun hospital de campaña móbil e un posto médico cunha resposta de minuto e medio dende o aviso a calquera lugar da vila que o precise. 

Ademais, o posto de mando avanzado da Axencia Galega de Emerxencias estará esta vez situado no porto pesqueiro e dende alí coordinarase todo o plan de seguridade grazas a utilización de drons cos que controlará o tráfico de vehículos e de persoas. 

Ensaios da representación teatral da Arribada
Ensaios da representación teatral da Arribada
Temas: BAIONA FUXIDAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta