A Real Academia Galega de Ciencias premia un método rápido de detección de anisakis

Un equipo do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC gaña o Premio de Investigación Ernesto Viéitez que concede a RAGC, que tamén distinguiu na categoría de investigadores mozos a Silvia Barja Fernández, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela

Por Galicia Confidencial | | 29/12/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O traballo científico 'Detección rápida de anisákidos mediante Espectometría de masas PRM' foi distinguido co Premio de Investigación 2016 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para investigadores senior. O premio, dotado con 6.000 euros, é para o equipo integrado por Mónica Carrera, José Manuel Gallardo, Santiago Pascual, Ángel González e María Isabel Medina. No seu traballo, propoñen unha solución ao importante problema que representa o anisakis para unha industria estratéxica en toda Europa, e moi especialmente en Galicia, a pesca. O equipo galardoado forma parte do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) que o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) ten en Vigo.

Gañadores dos Premios Ernesto Viéitez 2016
Gañadores dos Premios Ernesto Viéitez 2016 | Fonte: RAGC.

O traballo propón un revolucionario método exprés de detección de anisakis no pescado fresco, moi demandado pola industria pesqueira y polas autoridades de inspección alimentaria. O novo método ofrece un control rápido e específico para a detección de diferentes especies deste parasito, utilizando a espectrometría de masas aplicada á proteómica (análise de proteínas a gran escala), e supera as limitacións dos propostos ata agora, demasiado laboriosos e lentos ou incapaces de cubrir diferentes especies. Así, en menos de dúas horas é capaz de detectar as variedades de anisakis máis comúns, revelándose como unha solución eficaz para que a industria pesqueira poida garantir a seguridade dunha ampla gama de produtos, xa que este parasito está presente en especies como a pescada, o bacallau, o xurelo, a xarda ou a lura.

PREMIO Á PROMOCIÓN DE INVESTIGADORES MOZOS

O proxecto 'La ingesta de dieta alta en grasa disminuye la producción por el estómago de FNDC5, una proteína a la que se le ha atribuido un papel protector frente a la obesidad' foi premiado na categoría de investigadores mozos, dotado con 2.000 euros. A súa autora, Silvia Barja Fernández, é unha científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).

MENCIÓNS HONORÍFICAS

O elevado nivel das candidaturas levou nesta ocasión ao xurado a distinguir a maiores con senllas mencións honoríficas outros dous traballos realizados por matemáticos e químicos da Universidade de Santiago (USC).

Na categoría do Premio de Investigación, dirixida a científicos consolidados, concédese unha mención honorífica ao traballo sobre 'Caracterización espectral do signo constante da función de Green dos problemas (k,n – k)', realizado polos matemáticos da Universidade de Santiago de Compostela Alberto Cabada e Lorena Saavedra.

A mención honorífica na categoría de investigadores mozos correspóndelle a Jessica Rodríguez, do Centro Singular de Investigación en Química Bioloxía e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC, polo traballo sobre 'Recoñecemento selectivo de longas secuencias de ADN con construcións peptídicas multicompoñentes'.

A elección dos galardoados vén de ser aprobada en pleno pola RAGC. Os premios serán entregados nunha cerimonia que terá lugar no mes de xaneiro en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da institución. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo quinta edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez, na honra do anterior presidente da institución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta