Descrita para a ciencia unha nova especie de cetáceo en Galicia cuns 12 millóns de anos

Investigadores da Sociedade Galega de Historia Natural, do Museo Real de Ciencias Naturais de Bélxica e da Universidade de Gante fan público o achado e estudo dunha nova especie bautizada co nome de Beneziphius cetariensis, en honor á localidade de Cedeira.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/12/2016 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

Un equipo de investigación internacional dirixido por Ismael Miján, da Sociedade Galega de Historia Natura (SGHN) e integrado por Olivier Lambert, do Museo Real de Ciencias Naturais de Bélxica, e Stephan Louwye, da Universidade de Gante, vén de facer público o achado en augas galegas dunha nova especie de cetáceo cuxa datación se estima nuns "12 millóns de anos de antigüidade", segundo a SGHN. A descrición desta especie, por primeira vez para a ciencia, publícase na revista Acta Paleontologica Polonica.

Vista dorsal (arriba) e lateral (abaixo) da nova especie de fósil Beneziphius cetariensis
Vista dorsal (arriba) e lateral (abaixo) da nova especie de fósil Beneziphius cetariensis | Fonte: Miján, I., Louwye, S. e Lambert, O. (2017). A new Beneziphius beaked whale from the ocean floor off Galicia, Spain and biostratigraphic reassessment of the type species. Acta Palaeontologica Polonica 62 (X): xxx–xxx.

En concreto, trátase dunha nova especie que foi bautizada co nome de Beneziphius cetariensis (de Cetaria, nome orixinal da vila de Cedeira), en alusión á localidade galega de Cedeira, de onde proceden moitos dos exemplares que se investigaron no últimos dez anos. O único exemplar achado ata o momento e que foi utilizado para a descrición desta nova especie foi doado por Gerardo González e Carmen Rodríguez despois de gardalo durante anos, tras recuperalo dos fondos mariños a uns 500 metros de profundidade ao norte de Cabo Ortegal.

Segundo os científicos, a nova especie descrita "amplía a distribución bioxeográfica de Beneziphius", ademais de "confirmar as fortes afinidades faunísticas" entre o Mar do Norte e a costa atlántica da Península Ibérica durante o Mioceno medio até o Plioceno temprano.

O exemplar foi estudado durante o últimos tres anos e comparado con outros exemplares da mesma familia (dos zifíidos) emparentados xeneticamente e que foron achados en Bélxica e os Países Baixos e que se atopan custodiados no Museo de Ciencias Naturais de Bruxelas.

Dous dos autores do traballo, Ismael Miján e Olivier Lambert, publicaron en 2013 o descubrimento de catro novas especies descoñecidas achadas na Península Ibérica, o que supuxo un gran descubrimento, ao que se foron sumando outros traballos sobre histoloxía e mineraloxía publicados nos últimos anos. 

O achado reforza a teoría sobre a alta diversidade de especies da familia dos zifíidos no Atlántico Norte durante o período xeolóxico coñecido como Mioceno.

O achado do Beneziphius cetariensis reforza a teoría xa exposta no traballo previo de 2013 sobre a alta diversidade de especies da familia dos zifios no Atlántico Norte durante o período xeolóxico coñecido como Mioceno (entre 23 e 5,3 millóns de anos) e, especialmente, durante o Mioceno Superior.

ZIFÍIDOS

A familia dos zifíidos, a pesar de ser a segunda máis diversa dos cetáceos en canto especies, é moi pouco coñecida, segundo explican os expertos da SGHN. Hoxe en día conta con 22 especies en todo o planeta (unha delas foi descuberta este mesmo ano no Pacífico Norte).

No ano 2007, Ismael Miján publicou un estudo preliminar sobre os dous primeiros cranios entregados á SGHN o que abriu as portas a unha serie de investigacións durante os últimos dez anos que non deixaron de achegar importantísima información.

Durante este período, o equipo de investigación conseguiu examinar máis dun cento cranios depositados en coleccións oficiais —almacenados e, en moitos casos, esquecidos; a maioría están na SGHN, cuxa colección de fósiles de cetáceos atópase entre o cinco máis importantes do mundo—, así como ao redor dun cento de especímenes en coleccións particulares, moitas delas correspondentes a especies descoñecidas para a ciencia.

Desde as entidades que estiveron involucradas na investigación, e especialmente desde a SGHN, queren agradecer a colaboración aos pescadores que doaron exemplares ao museo, xa que a súa contribución foi imprescindible para levar a cabo estes estudos. 

--------------------------------------------------

Miján, I., Louwye, S., e Lambert, O. (2017). A new Beneziphius beaked whale from the ocean floor off Galicia, Spain and biostratigraphic reassessment of the type species. Acta Palaeontologica Polonica 62 (X): xxx–xxx.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta