Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 30/11/2016
Como serei eu cando non sexa eu? Estes versos do poeta Angel González inician o terceiro libro do escritor. Nesta novela entrelaza historias interpretadas polo protagonista en dúas etapas da súa vida. Relata a paixón do seu primeiro e intenso namoramento e narra, tamén, o derrubamento, lento e doloroso, do seu matrimonio, vinte anos máis tarde. Describe as intensas xornadas amorosas do mozo –na etapa de estudante-, e a desazón e desasosego dunha parella que camiña, anos despois, cara o desastre, cecais buscado por eles mesmos.
Na segunda parte do libro introduce un elemento de intriga, e a investigación dunha realidade histórica. O protagonista conecta, por azar, con persoas relacionadas coa Brigada Político-Social, moi activa no tardo-franquismo e que acadou relevancia pola crueldade dalgúns dos seus principais actores (o célebre comisario Roberto Conesa, ou o policía González Pacheco, alias Billy el Niño). A novela adquire unha maior intensidade e o autor reflexiona sobre cuestións de permanente actualidade. Pregúntase pola segunda vida dos monstruos que practicaron a tortura; despois de rematada a ditadura: qué vida levaron? A qué se adicaron? Cómo se relacionaron cos demáis sen que soubesen do seu pasado? O autor tamén se cuestiona polo sentemento de culpa, polas consecuencias da conduta propia para os descendentes, sobre o azar que dirixe os nosos pasos e condiciona de xeito definitivo o rumbo das nosas vidas.
Queda reflectida a ignorancia da xuventude sobre a historia recente. Os mozos que naceron na democracia descoñecen case todo da ditatura e das múltiples aristas e zonas de sombra que deixou para a historia. Os mozos que aprenden a ser adultos neste libro non saben nada da crueldade do franquismo, que usou os servizos secretos para vixiar os pasos das persoas suspeitosas de non ser adictos ao réxime, e que utilizou a ameaza, a violencia e a tortura para perseguir calquera indicio de desafección. Todos estes elementos, que poden semellar de difícil mestura, aparecen na novela con naturalidade e coherencia. O fio narrativo conduce o relato con fluidez e os feitos prodúcense como se formasen parte dunha cadea natural e inevitable.
Considero que estamos ante unha obra importante da actual narrativa española, dun libro que aborda unha parte da nosa historia, que segue a proxectar unha fúnebre sombra sobre o presente. E todo ese territorio que abarca a novela (a relación amorosa, o desgaste da parella, a crueldade da policía franquista, os inicios da democracia, os comezos da corrupción urbanística, etc.) é observado polos ollos e narrado coa prosa dun autor novo, que ten unha mirada e unha percepción da realidade ben distintas ás dos seus antecesores (Muñoz Molina, Llamazares, Chirbes). Teño a certeza de que estamos ante un autor que, algún día, verá os seus escritos nos libros de texto dos Institutos. Así o espero. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
“EL ORDEN INVISIBLE DE LAS COSAS”: PRESENTACIÓN EN CORUÑA.
Sábado, día 3 de decembro, ás 13.00 horas, na libraría Berbiriana (rúa Santiago, 7)
Participan:
-Fernando Ontañón, autor.
-Javier Pintor, profesor de literatura.