Por Galicia Confidencial | Lugo | 18/08/2016 | Actualizada ás 14:09
O xornalista do grupo El Progreso Ángel Vaqueiro Angueira, de 54 anos, faleceu este martes no hospital Álvaro Cunqueiro, de Vigo, logo de pasar os últimos once meses loitando cunha longa enfermidade.
Nado en Caldelas (Tui) en 1962, licenciouse en Ciencias da Información, rama de Xornalismo, na Universidade Complutense de Madrid. A súa carreira centrouse en dous diarios, El Ideal Gallego, da Coruña, onde comezou sendo moi novo, e El Progreso, ao que se incorporou na primavera de 1990 e onde chegou a ser, mesmo, presidente do comité de empresa. Tamén foi durante quince anos, tesoureiro da Asociación da Prensa de Lugo.
Ademais dirixiou o dixital de El Progreso e, durante quince anos, exerceu diversas funcións de responsabilidade no xornal impreso. Entre elas, as de xefe de sección de Comarcas e, posteriormente, Local. Tamén foi colaborador de Telelugo. Tamén mantiña activo o blog Letras Vaqueiras.
“A noticia do seu falecemento foi recibida en toda a redacción do Progreso e nas demais empresas do grupo como un auténtico xerro de auga fría xa que Vaqueiro era un achegue de saber enciclopédico para todo o equipo que elabora a diario este xornal, dado o seu gran manexo de datos e de documentación sobre unha gran amplitude de temas, sustentado pola súa poderosa memoria”, recolle este xornal.
O xornalista era moi querido entre os seus compañeiros de profesión, precisamente, polo seu sorriso e o seu bo humor. Vaqueiro será despedido este xoves, a partir do catro da tarde, nun acto fúnebre que terá lugar no tanatorio de Pereiró, en Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.