Como desprazarse 15 km na Antártida con media tonelada de equipos científicos

O biólogo Xurxo Gago, nunha misión científica na Antártida, relata as dificultades que existen para poder realizar as súas investigacións nesta parte da terra.

Por Galicia Confidencial | Antártida | 13/05/2016 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

Unha vez chegados á base chilena Escudeiro na península Fildés aínda non chegaramos ao noso destino final: a base polaca Arctowski situada na baía Almirante a un 15 km ao leste. Pero claro, a cuestión non é tan sinxela, non soamente nos tiñan que transportar a nós, senón tamén a máis de media tonelada de equipamento científico que levabamos. E todo isto na Antártida e cun glaciar polo medio entre as dúas bases.

Buque Lautaro da Armada Chilena entrando na baía Almirante na Illa do Rey Jorge
Buque Lautaro da Armada Chilena entrando na baía Almirante na Illa do Rey Jorge | Fonte: Xurxo Gago

Ir polo medio do glaciar non é unha posibilidade, hai que rodealo e agora cóntovos todo o que iso implica: da base chilena á polaca tivemos que descargar os equipos do avión, cargalos nunha zodiac, esta zodiac ir até o buque Lautaro da Armada Chilena (un buque de apoio preparado para a navegación en condicións extremas) que esperaba por nós fondeado na baía Fildés. Alí subímonos ao buque e cun guindastre os mariñeiros izaron todos os nosos equipos científicos de gran precisión polo aire.

Así saímos no Lautaro da baía Fildés ao oceáno antártico entre un bo número de icebergs no horizonte, moitos deles inmensos, que facían parecer o noso buque un pequeno cascarón. O aire fóra do abrigo da baía, tornouse xélido. Soamente estar fóra un intre e sentías que perdías calor por todos os poros. Aínda así, aguantamos fóra da ponte todo o que puidemos, o espectáculo é sobrecolledor; os icebergs, os glaciares ao fondo... en realidade custa facerse á idea que aquilo era verán e que todo un continente estea practicamente todo conxelado.

Proseguimos a nosa ruta, e navegamos cara ao nordés, até a entrada da baía Almirante onde se atopaba o noso destino tras dúas horas de navegación. De novo, tocou izar a zodiac, e cargala con todo o noso delicado material, a operación foi un éxito grazas á habilidade dos mariñeiros, e xa enfronte noso arribabamos ao noso destino: a base antártica polaca Henryk Arctowski da Academia de Ciencias Polacas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta