Fraudes, complicidades e denuncias

A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (IV)

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 20/04/2016

Comparte esta noticia

Cando o ano 2015 estaba a piques de rematar enterámonos de que Ocasa, empresa construtora que formaba parte, nos inicios, da UTE responsable da construción e xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), debe a Facenda case quince millóns de euros. Na lista de morosos, feita pública polo Ministerio, figura esta empresa ourensá, que tiña o dez por cento de participación na concesionaria, que tivo que vender ao resto da UTE, ante as presións da Xunta, por entender que podía “intoxicar” o financiamento da infraestrutura debido á súa delicada saúde contable.

Non é a primeira vez que esta empresa é sinalada pola súa actuación fraudulenta. Xa en 2011 Competencia sancionou cunha multa de oito millóns de euros a cinco empresas galegas, entre as que estaba Ocasa, despois de investigar unha rede coñecida como “o cartel do asfalto”. Foron acusadas de acordar ofertas á baixa en concursos públicos para presentar licitacións ás Administracións públicas como empresas que competían entre si, aínda que na realidade tiñan un pacto para repartirse os contratos. Esta forma de proceder, tan pouco edificante, é, por desgraza, moi frecuente no mundo da construción.

Pero non só as empresas teñen unha actuación impropia e fraudulenta. Taména Administración, neste caso, realizou actuacións cómplices que son, cando menos, moi dubidosas en canto á súa legalidade. Ben sabemos que a contratación de obra pública debe someterse ás disposicións do Tratado da UE. As normas europeas son moi estritas no que respecta ao uso dos seus fondos, sobre todo na posible utilización privada dos mesmos. Xa contamos que a UTE encargada de construír o novo hospital de Vigo non foi quen de conseguir financiamento pois as entidades bancarias tiñan serias dúbidas sobre o proxecto. Neste caso a UTE recibiu axuda do propio goberno de Núñez Feijoo, que recorreu a un préstamo do Banco Europeo de Investimentos. As empresas afectadas, que integran a UTE,  sonAcciona, Puentes e Calzadas, Veolia e Concessia. A metade do financiamento para as obras veu do sector público, pois ao crédito do BEI hai que sumar o préstamo de 30 millóns outorgado por Axis, xestora de capital risco participada integramente polo Instituto de Crédito Oficial (ICO).

Esta actuación, presuntamente impropia e ilegal (poisno contrato consta de forma explícita que o financiamento da obra será por conta e risco da empresa concesionaria), foi denunciada pola AGDSP ante a Comisión Europea. Esta organización defensora da Sanidade Pública denunciou o incumprimento no contrato de financiamento e tamén a fórmula administrativa elixida –concesión pública-, cando en realidade se trata dunha colaboración público-privada. A denuncia xa foi admitida a trámite pola UE no mes de novembro de 2015. Nunha rolda de prensa, o doutor José Emilio Santiago (AGDSP) destacou que este non é un trámite exclusivamente simbólico: "Vaise abrir un procedemento de doce meses no que a Comisión dará audiencia á outra parte (goberno da Xunta) para que alegue e argumente, e nós como denunciantes teremos acceso a esas alegacións. Posteriormente a Comisión examinará as argumentacións expostas por unha e outra parte e iso pode levar á apertura dun procedemento de infracción ou ao arquivo da causa. Se abre un procedemento de infracción,temos as bases postas para esixir a reparación da legalidade e roceder a un rescate da concesión”. Poden existir vulneracións de partes esenciais do contrato e dos criterios de competencia: alteraron por completo as condicións de financiamento, non hai unha transferencia de riscos, e podería mesmo falarse dunha axuda ilegal do Estado.Agora a Comisión Europea ten a palabra

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.