Os subornos e as comparacións con Chávez dos que fala Edgewater, “inadmisibles” para a Xunta

O Goberno estudia accións legais tras filtrarse detalles dun sumario que inclúe acusacións de que amigos de Feijóo pediron subornos á mineira de Corcoesto para rescatar o seu proxecto.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 20/04/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Voceiros da Consellería de Economía e Industria rebaten, en declaracións a GC, as insinuacións de corrupción vertidas por Edgewater. A empresa incluíu no preito contencioso-administrativo contra a denegación da mina un email no que o xestor da matriz canadiense laméntase de que non pagar subornos e non atender a “amigos do presidente que chegaban con ofertas para ‘axudar’ (o que normalmente implica dólares nun maletín Samsonite)”.

George Salamis, Director Executivo de Edgewater, a mineira de Corcoesto
George Salamis, Director Executivo de Edgewater, a mineira de Corcoesto | Fonte: www.123people.ca

Dende a Xunta rebátese dicindo que “a información estase a analizando en detalle para determinar se se emprenden accións legais ante unhas consideracións que consideramos inadmisibles”. As citadas fontes entenden que foi a outra parte quen filtrou o contido do sumario a algúns medios como parte “da estratexia da empresa para conseguir a indemnización de 20 millóns de euros” que reclaman ante o tribunal.

A Administración admite que “a empresa está no seu dereito de presentar recurso” pero deixa claro que non hai opcións de revivir a fracasada macromina de ouro a ceo aberto. Industria informa que o contencioso está na súa primeira fase, polo que están redactando unha resposta para detallar porque se negou o proxecto, din que atendendo exclusivamente a criterios técnicos e económicos. A Xunta argumenta que os dereitos de explotación de Minera de Corcoesta -a filial galega da canadiense Edgewater- están caducados e que isto está avalado polo Tribunal Constitucional.

Que di exactamente o CEO de Edgewater no correo aos seus subordinados? Velaquí a traducción do correo ao xerente da filial española, publicado por Fernando Varela en Info Libre:

“Hola Luis, vaia se tes razón, é un día triste sen dúbida. Tiñamos tantas esperanzas de avanzar no proxecto. Non sei como poderiamos telo feito doutro xeito diferente -a parte de pagar dólares a políticos como nos pediron. É a maneira doada de facer as cousas e calquera pode facelo -pero está en contra dos nosos valores básicos para facermos negocios.

Manifestación en contra da mina de ouro en Corcoesto no concello de Coristanco
Manifestación en contra da mina de ouro en Corcoesto no concello de Coristanco | Fonte: M.V.

A parte irónica disto é que eu deixei Venezuela cinco anos atrás debido á corrupción, buscando un gran lugar para facer negocios e escollín España a mantenta. Agora considero que hai pouca diferencia entre o xeito de tratarnos por parte do Goberno de Venezuela e o da Xunta. De feito, os modos son case idénticos. A lenta erosión dos nosos dereitos, a denegación de permisos, inventarse novas leis e decretos ao longo do proceso para pararnos, amigos do presidente chegando con ofertas de ‘axuda’ (o que normalmente implica dólares nun maletín Samsonite) etc. Isto é exactamente o mesmo que Hugo Chávez fixo a Rusoroantes de arrebatarnos por completo o proxecto (que é o que vai facer dentro de nada a Xunta con nós). Encantaríame poder facer esta comparación entre Galicia e Venezuela na prensa, porque é certa. Pero, por agora, supoño que necesitamos manternos quedos.

No referido ao equipament0, vende o que poidas.

Grazas Luis”

Trátase dunhas acusacións moi duras que, por iba, veñen acompañadas doutra filtración do sumario que está a revisar o TSXG.

Economía Digital publica o relato das negociacións entre a mineira e altos cargos de Industria. Segundo a versión da compañía, até tres reunións houbo nas que cargos do Goberno Galego mediaron con Edgewater para incorporar un “socio local” ao proxecto. Finalmente ningunha firma española ou galega sumouse á iniciativa e o plan desbotouse, entre outros motivos, por falta de viabilidade económica.

Bernardo Tahoces, director xeral, e Javier Guerra, daquela conselleiro; reuníronse varias veces cos directivos de Edgewater, segundo a empresa
Bernardo Tahoces, director xeral, e Javier Guerra, daquela conselleiro; reuníronse varias veces cos directivos de Edgewater, segundo a empresa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Estralampa

Isto, e nenguma outra cousa, explica as voltas que dou o peche de ENCE e as pressas por mudar a lei de costas e assim poder conceder a prórroga por parte dos governos central e autonómico.

2 Molina

A veracidade do que di o CEO de Edgawater non ten dúbida. A empresa, a base de untar, conseguiu o que quería da Xunta. A Costa de Morte vai sofrir os noxentos esfectos dunha mina destas características. Antes dun ano estará a pleno rendemento.

1 Unto

No podemos saber quien tiene razón. Pero no sería la primera ni la segunda vez que en Galicia se ·"desatascan" los proyectos con sobres, comisiones, fichajes o entrega de participaciones en el negocio. Todo ello con administraciones de diferente signo político.