Temas: MúSICA

Oviravai publica o seu primeiro libro-disco para nenos

Oviravai son Verónica Santalices, Laura Iglesias, Federico Wlicki e David Álvarez. Eles fan todo: tocar, ilustrar e, sobre todo, crear música. A iso se dedican, nalgúns casos dende hai décadas e polo mundo adiante. Son veciños de Vigo e de porta, así que case que se pode dicir que ensaian no portal do edificio no que viven. As andanzas de Paio é o seu primeiro traballo na colección Sonárbore de Galaxia.

Por GC Tendencias | Ourense | 24/03/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Un novo personaxe está a piques de chegar á gran familia de libro-discos Sonárbore, que ten por obxectivo achegar a música de calidade aos máis pequenos e pequenas da casa. Nesta ocasión trátase de Paio, un teixugo viaxeiro que percorre medio mundo vivindo as máis emocionantes aventuras e que ao longo dos próximos días chegará, tamén, ás librarías galegas.

O Viravai na TVG
O Viravai na TVG | Fonte: A Revista Facebook

Ao longo dos dez temas musicais que compoñen As andanzas de Paio, do novo grupo Oviravai, Paio percorre lugares tan remotos como Madagascar, Canadá, China ou o mesmo fondo do océano, onde coñece a unha boa morea de novos amigos. De regreso á granxa na que se atopa a súa teixugueira, cóntalles a todos os animais as peripecias que vén de experimentar na súa particular andaina.

As andanzas de Paio inclúe ademais un conto que acompaña os temas musicais, cunha clara vocación instrutiva. Complétase esta faceta coa incorporación dunha Paiopedia final, na que se desenvolven algúns dos termos e conceptos tratados ao longo do libro.

O grupo Oviravai, de recente creación, é o responsable deste novo álbum no que se fusionan diferentes ritmos e estilos musicais. Laura Iglesias, Verónica Santalices, David Álvarez e Federico Welicki, integrantes da banda, son os autores das letras, músicas e ilustracións de As andanzas de Paio, un libro-disco ateigado de sorpresas e descubrimentos.

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá o primeiro concerto de presentación deste traballo literario e musical o sábado 9 de abril ás 18h. As entradas están á venda en aTaquilla dende 3€

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta