Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/03/2016 | Actualizada ás 16:00
As correntes internas do PSdeG, ademais de asembleas comarcais, comezan a mobilizarse ante a crise aberta neste partido pola decisión de José Ramón Gómez Besteiro de non presentarse como candidato desta formación á Xunta. É o caso da plataforma En Positivo que acaba de pedir a convocatoria de primarias canto antes para designar un candidato.
Nun comunicado, esta corrente suliña que a renuncia de Besteiro non tería tanta importancia se non coincidise “cun momento clave” da política galega e española. Neste sentido, destaca que o PSdeG ten que ter unha dinámica propia e non depender do que aconteza no goberno do Estado. “A posibilidade dun adianto electoral precipitaría todas as datas para organizar un proceso de elección de candidato coas suficientes garantías”, destaca.
Por iso, pide o inicio dun proceso de primarias co establecemento dun límite de avais máximo do 5%, e que se limite, así mesmo, a un máximo do 10% os que cada candidato poida presentar. “Agora, máis que nunca, debemos construír unha moderna rampa de lanzamento do programa de progreso social de Galicia, e por iso facemos un chamamento aos compañeiros e compañeiras militantes para reivindicar a intelixencia e calidade política esixible aos tempos actuais”, suliña esta corrente.
En Positivo destaca que este proceso debe realizarse coas “maiores cotas de democracia interna”, tanto na participación por parte da militancia, como na redacción do programa de futuro, convocando asembleas en cada agrupación para o debate e discusión das distintas achegas programáticas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.