A mocidade do rural

"Que non te aten", segunda novela de Manuel Iglesias Turnes.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 20/02/2016

Comparte esta noticia

Manuel Iglesias Turnes estreouse como escritor en 2012 -cando xa tiña ben cumpridos os sesenta- cunha novela,As rapazas de Xan, que narra a vida nunha aldea de Galicia na primeira metade do século vinte. O relato, que tivo unha excelente acollida reflectía con veracidade as peripecias vitais da xente do rural na época dos pais e dos avós do narrador. Agora entréganos a súa segunda obra,Que non te aten, na que fai un acaído retrato do mundo rural galego nos tempos de hoxe desde a ollada da mocidade actual, a que se correspondería coa xeración dos fillos do autor. Volve a sorprender nesta segunda entrega narrativa. Demostra unha boa pericia como narrador e confirma a súa vocación literaria.

Que non te aten é unha novela de amor e desamor narrada como unha historia lineal na que o narrador/protagonista vai relatando a vida dun grupo de mozos/-as do medio rural. A acción discorre en Cabanas (parroquia do concello de A Baña, terra natal do novelista), con incursións ocasionais en Santiago e Muros. O protagonista da novela, Marcos, é un rapaz indolente de vinteseis anos, que traballa na explotación gandeira da propia familia, dirixida polo seu irmán Daniel e a súa muller Iria. A incapacidade do protagonista para tomar decisións lévao a manter relacións simultáneas con dúas mozas e a vivir envolto nunha trama de mentiras.

A modernidade na aldea

Hai na novela dúas partes ben diferenciadas. Na primeira o narrador retrata a forma de vivir e traballar nunha explotación gandeira actual. O autor coñece ese mundo pois o seu labor profesional estivo sempre vinculado ao campo. Hai unha modernidade no mundo rural que a xente urbana descoñece por completo. Hoxe as ganderías dedicadas á produción de leite están dotadas dunha tecnoloxía punteira que as sitúa entre as máis avanzadas de Europa. A selección xenética das vacas frisonas, o control informático da explotación e da produción, a organización do traballo, o control da alimentación do gando, as zonas de muxir case estériles como quirófanos, os concursos para elixir á mellor vaca do ano: toda esta actividade fai que a vida no rural non teña nada que ver coa que se debuxaba enAs rapazas de Xan.

A gandería galega está modernizada e as terras de Cabanas foron pioneiras neste empeño. Nesa contorna viven estes rapaces, instalados na cultura globalizada, algúns deles con estudos universitarios e con inquedanzas intelectuais e políticas. Son nativos dixitais que usan a cotío as redes sociais e teñen contacto co mundo urbano. Pero se os mozos deAs rapazas de Xan ollaban para América, estes de agora miran cara Europa como unha posibilidade de futuro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.