O PSdeG denuncia "caos" da Xunta na xestión dos fondos europeos

Patricia Iglesias di que o Goberno de Rueda deixou sen executar case a metade das axudas europeas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/05/2024 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

A portavoz de Economía do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, advertiu hoxe que a Xunta deixou sen executar 5,5 de cada 10 euros orzamentados nos fondos europeos. A responsable socialista presentou na Comisión de Economía do Parlamento unha proposta para reclamarlle á Xunta que presente un informe sobre o grao de execución, que o PP rexeitou.

A parlamentaria do PSdeG Patricia Iglesias en rolda de prensa
A parlamentaria do PSdeG Patricia Iglesias en rolda de prensa | Fonte: PSDEG

Este voto en contra, dixo, evidencia a “opacidade e nula vontade de xestión compartida” por parte do goberno galego para clarificar as cifras “alarmantes” que puxo enriba da mesa o Consello de Contas, revelando que ano tras ano o goberno galego executa menos da metade destes fondos. Dixo que quedan sen executar 5,5 de cada 10 euros programados, e chegan a pagarse 3 de cada 10 euros que se orzamentan.

Ademais, case 4 de cada 10 dos 448 proxectos con fondos europeos xestionados pola Comunidade Autónoma quedaron sen ningún pago no exercicio como consecuencia do “caos” e “ineficiencia” na xestión por parte do goberno galego. Subliñou que o Comité de Fondos Europeos da Xunta de Galicia “está practicamente inédito dende a súa creación”, mentres os departamenos que xestionan os fondos agrícolas, da Pesca, Feder ou Innovación funcionan “como illas”.

A responsable socialista subliñou o compromiso do goberno galego con Galicia, que ten asignados 3.150 millóns de euros para políticas de cohesión para o período 2021 – 2027, os que hai que sumar 1.545 de fondos Next Generation que son de xestión directa polo goberno galego. Lembrou que o propio presidente da Xunta admitiu o pasado 6 de maio que Galicia recibiu xa 1.439 destes fondos Next Generation. 

Isto supón, dixo, que o goberno de España transferiu xa o 92 por cento dos Fondos Next Generation EU, o que “só se pode cualificar como un compromiso político dun goberno progresista con Galicia, aínda que non o queiran admitir nin moito menos agradecer”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta