TSXG aprecia "ánimo de matar" no home que tentou atropelar a outro en Outes

Confirman a sentencia de catro anos de cárcere e desestiman o recurso da defensa.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/05/2024 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación presentado por un home condenado por unha tentativa de homicidio, tras atropelar deliberadamente a outro en Outes, e confirmou a condena de 4 anos de prisión.

O procesado foi condenado pola sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, que considerou probado que, na noite do 4 de xullo de 2022, este home atopábase no seu coche nas proximidades da praia de Broña e viu a un veciño, que saía a botar o lixo do bar que rexentaba, co que tiña desde facía tempo unha relación de inimizadeO tribunal provincial considerou que o acusado, con intención de acabar coa vida dese veciño, conduciu en sentido contrario cara á vítima, ata arroialo, fuxindo do lugar. O atropelado sufriu varias lesións, as máis graves nos xeonllos.

A Audiencia condenouno a 4 anos de cárcere e aplicoulle a eximente incompleta de anomalía psíquica, xa que, o condenado, padece un trastorno do desenvolvemento, trazos esquizos de personalidade e outras alteracións, que fixeron que no momento dos feitos as súas capacidades estivesen "sensiblemente diminuídas". Así mesmo, impúxolle a medida de liberdade vixiada consistente en seguir tratamento psiquiátrico en réxime externo, e a prohibición de conducir durante 9 anos; ademais da medida de afastamento e prohibición de comunicarse coa vítima e a súa familia. Como responsabilidade civil, impúxolle indemnizacións por valor de máis de 23.000 euros, debido ás lesións causadas ao home que atropelou e a súa perda de calidade de vida.

O seu defensa apelou o fallo, alegando, entre outras cuestións, que non se tivo en conta a súa petición de condena por un delito de lesións, ou que debía adoptarse a medida de internamento psiquiátrico. O TSXG desestimou os seus argumentos e sinala na súa sentenza que foi "evidente" o ánimo de matar "e non só de lesionar", xa que o acusado empregou un medio "de evidente perigo e claramente desproporcionado", como foi o seu coche.

Sala para xuízos con tribunal de xurado na Audiencia da Coruña
Sala para xuízos con tribunal de xurado na Audiencia da Coruña | Fonte: TSXG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta