Rueda presume de ter o calendario vacinal "máis avanzado do mundo"

Galicia vacinará a 15.000 bebés nados en 2022 coa vacina 20-valente contra o neumococo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2024 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou a decisión da Consellería de Sanidade de incrementar a inmunización dos nenos e nenas de dous anos xa vacinados no seu momento coa vacina 13-valente, aplicando agora a 20-valente, que inclúe novos serotipos e achega unha protección catro veces maior.

Deste xeito, desde o mes de maio iniciarase a recaptación de 14.850 nenos nados en 2022 para ser protexidos fronte á enfermidade neumocócica invasora --na que se inclúe a meninxite-- coa vacina 20-valente, que recentemente foi autorizada para menores de idade e incluída pola Consellería de Sanidade no calendario galego de vacinación.

Na comparecencia posterior á reunión do seu goberno, o mandatario autonómico destacou o calendario vacinal "máis avanzado do mundo" co que conta Galicia, e tras un Consello no que se tratou o informe de abordaxe da prevención das meninxites bacterianas inmunoprevenibles. O obxectivo da Dirección Xeral de Saúde Pública é aumentar a protección directa de nenos e nenas fronte á enfermidade polos serotipos adicionais incluídos nesta nova vacúa, para a poboación non vacinada, dado que os bebés son altos transmisores.

SEGUIMENTO EPIDEMIOLÓXICO

Sanidade explica a importancia da protección desta franxa de idade, que vén avalada polo seguimento epidemiolóxico en materia de saúde pública que constata que, no período 2019-2023, o maior número de casos de enfermidade neumocócica invasora, en poboación pediátrica, produciuse en menores dun ano e, a continuación, dos de 1 e 2 anos de idade. Concretamente, en 2023 a incidencia no grupo de menores de 2 anos foi de 3,4 casos por 100.000 habitantes.

Un bebé recibe unha vacina
Un bebé recibe unha vacina | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta