O reto dos máis novos: en 2023 soamente o 15,3% da mocidade galega estaban emancipada

O prezo do aluguer, como forma de emancipación máis común entre a poboación moza galega, non deixa de subir.

Por Amanda Fernández | Lugo | 30/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A realidade da mocidade actual poderiamos dicir que pasa por formarse en estudos superiores, conseguir bolsas para iniciarse no mundo laboral, pasar por contratos temporais, acadar certa estabilidade cun salario situado algo por riba do mínimo interprofesional e ver como o aluguer en solitario resulta moi complicado ante a suba constante. Os datos no primeiro trimestre de 2024 reflicten que a metade da poboación galega de entre 16 e 29 anos (un total de 329.000 mozas e mozos), segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), é inactiva (o 51,7%), mentres que o 37,5% (123.700) está ocupada e o 10,8% (35.000) parada. Isto estaría relacionado coa procura de maior formación, que non remata cos estudos de graos ou cun único ciclo en FP, cada vez prolóngase máis a idade de entrada no mercado laboral. É común escoitar na mocidade iso de "agora cunha carreira xa non chega ou fas un mestrado ou está difícil". A taxa de ocupación deste colectivo disminúe con respecto ao trimestre anterior en 1,8 puntos; e con respecto ao mesmo trimestre do ano 2023 aumenta 0,2 puntos. Por outra banda, a taxa de paro xuvenil sitúase no 22,3% neste trimestre, aumenta 5,8 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co primeiro trimestre de 2023, aumenta 3 puntos.

A evolución da realidade en canto a vivenda
A evolución da realidade en canto a vivenda | Fonte: Instagram pienso.luegoestorbo

No primeiro trimestre de 2024, o 73,2% dos ocupados e das ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. A cifra de mozos e mozas ocupadas a xornada parcial disminúe neste trimestre; en concreto, baixa en 4,400 persoas. Con respecto ao primeiro trimestre de 2023, aumenta tanto a ocupación xuvenil que traballa a xornada completa (en 2.800 persoas), como a ocupación a xornada parcial (en 600 persoas). Dos 113,700 asalariados e asalariadas existentes nestre trimestre de entre 16 e 29 anos, o 68,4% está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. Desta maneira, o número de mozos e mozas con contrato indefinido aumenta un 1,2% respecto ao trimestre anterior; e rexistra un incremento tamén, neste caso do 17,2%, respecto ao mesmo trimestre de 2023. A taxa de temporalidade para o colectivo de mozos e mozas de entre 16 e 29 sitúase no 31,7%.

 

 

 

Adolescentes e mozos
Adolescentes e mozos | Fonte: Europa Press

Segundo recolle o Observatorio da Xuventude en España, Galicia en comparación co resto de España, sitúase como unha das nove comunidades de paro en mozos rexistrado por debaixo da media estatal (15,1%), sendo Galicia, Canaria, Comunidade Valenciana e Asturias, onde se dan as taxas de mocidade máis baixas. As catro provincias galegas tamén se sitúan como as que teñen as taxas máis baixas de paro rexistrado de toda España: Pontevedra (10,8%), A Coruña (11,2%), Ourense (11,7%) e Lugo (11,8%). 

O DIFÍCIL RETO DA EMANCIPACIÓN

Nos tempos que corren xa non resulta tan raro ter preto de 30 anos e aínda vivir na casa dos proxenitores. Para os máis novos a idea de mercar unha casa queda moi lonxe e o aluguer dunha vivenda en solitario tamén supón gran parte do salario que gañan. Vivir só de aluguer ou poder aforrar para unha futura propiedade? O Observatorio de Emancipación recolle os principais resultados autonómicos desta cuestión no primeiro semestre de 2023, como datos máis actualizados. Así, a taxa de emancipación baixou en Galicia 1,2 puntos porcentuais nun ano. A mediados de 2023, soamente o 15,3% de todas as persoas mozas galegas estaban emancipadas, un punto porcentual menos ca o conxunto do territorio español. Esta é a cifra máis baixa alcanzada nun primeiro semestre de toda a serie temporal.

Este descenso deuse aínda que a taxa de emprego das persoas mozas subiu ao mesmo ritmo ca o estatal e en Galicia o paro xuvenil descendeu en máis de cinco puntos. Porén, o prezo do aluguer, a forma de emancipación máis común entre a poboación moza galega, subiu un 8,0% no caso das viviendas e un 7,9% nas habitacións de pisos compartidos. Actualmente en Galicia, segundo recolle o Observatorio da Vivenda de Galicia, o importe medio da renda mensual por ano de contrato en 2024 sitúase en 524,77 euros, cando en 2020 era de 438,65. Non deixa de subir e se pensamos nunha persoa de 25 anos que gaña uns 1.200 euros e ten que pagar 500 euros só de aluguer, máis os gastos de consumo, destinaría máis da metade á vivenda. O de aforrar é misión difícil, se sumamos alimentación, ocio e transporte, aplícase iso de "vivir para traballar e non tanto traballar para vivir".  

AS CONSECUENCIAS DETERMINANTES DO RETRASO DA EMANCIPACIÓN

Únicamente o 14,9% de todas as persoas mozas en España estaba emancipada aos 29,8 anos no segundo trimestre de 2021, segundo o resumo executivo Estratexia de Xuventude 2022-2030 do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Nesta liña, se no ano 2007, entre os mozos emancipados, a opción máis común era ter unha vivenda en propiedade (58,1% fronte a 28,4% en aluguer), en 2020, o 45,4% vivía de aluguer e o 31,8% era propietario. Este resumo afirma que a renda media do aluguer segue sendo elevada para os mozos de 16 a 29 anos, que deberían destinar o 81,9% do seu salario neto ao importe mensual. A compra e hipotecas aínda supón un reto maior. O pago da entrada inicial para a compra de vivenda suporía 3,7 veces o salario anual dunha persoa moza. Como consecuencia, a vía máis efectiva é compartir unha vivenda en aluguer con outras persoas. 

O mesmo informe manifesta que, froito da situación en materia de vivenda e emprego, a idade media de emancipación xuvenil en España é de 29,8 anos, 1,4 anos máis tarde que en 2008 e 3,4 anos máis tarde que a media da Unión Europea, que está nos 27. Por sexo, as mulleres emancípanse case dous anso antes ca os homes. En 2021, estaba emancipada un 14,9% da mocidade, rexistrándose como o dato máis baixo dos últimos 22 anos. A porcentaxe de mozos que viven cos seus pais entre 18 e 34 anos de idade é de 65,5% (total segundo Eurostat).

Así, o aumento do retraso da idade de emancipación da poboación moza e a inestabilidade do proceso dificulta a viabilidade dos seus proxectos vitais e reduce a natalidade. Quen pensa en ter fillos ante esta situación? En Galicia, tal e como recolle o Instituto Galego de Estatística (IGE), a taxa de mortalidade no 2022 é do 12,98, mentres que a de natalidade se sitúa nun 5,38. O dato máis significativo e alarmante é o número medio de fillos por muller que se sitúa en 1, moi por debaixo do índice de Reemplazo Xeracional que é de 2,1. A realidade da mocidade pasa pola precariedade, a temporalidade, a prolongación da emancipación e tamén o ter fillos cada vez máis tarde. É todo unha cadea, que precisa revisión de engrenaxes. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta