O PSdeG acusa ao PP de utilizar "bulos e calumnias" por non aceptar a "lexitimidade dos gobernos"

O socialismo galego mobilizarase este sábado, día 27 de abril.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 26/04/2024 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

A presidenta do PSdeG-PSOE, Carmela Silva, trasladou este venres "en nome de todos os militantes" o apoio a Pedro Sánchez fronte ao "linchamento público" e á "estratexia premeditada, deseñada, orquestrada" pola dereita de Feijóo e a ultradereita de Abascal, que "pon en perigo a democracia".

Nun acto cun centenar de simpatizantes, e xunto a membros do equipo de goberno local, encabezados polo alcalde, Abel Caballero, a presidenta dos socialistas galegos subliñou que "o PP non asume nunca a leximitidade dos gobernos se non son eles quen gobernan", e apuntou que este 'modus operandi', con "bulos, ameazas, calumnias, deslexitimación dos gobernos de progreso, e deshumanización do adversario político" esténdese tamén noutros países europeos.

Tras confirmar que os militantes do PSdeG estarán este sábado en Ferraz para manifestar o seu apoio ao presidente do Goberno, Carmela Silva afirmou que "non é a primeira vez" en España que os partidos conservadores actúan así, "pero nunca con tanta insidia, dureza e mesmo crueldade". "Todo lle vale a Feijóo. Todo lle vale a Abascal. Non hai límites. Mesmo se usa o poder xudicial", constatou.

Tras expresar que os socialistas galegos entenden a "dor" de Pedro Sánchez e as súas "dúbidas", pediu ao presidente "que non renuncie, que non poden gañar os que están dispostos a dinamitar os valores do Estado de Dereito e Social para tombar a gobernos lexítimos".

Silva censurou duramente a fabricación de "bulos" por parte de "pseudoxornalistas" dirixidos desde a dereita e a ultradereita, e a "incomprensible" apertura de procedementos xudiciais a partir deses bulos, e concluíu que "é absolutamnte humano" que Pedro Sánchez "dixese que non pode máis", especialmente cando o "acoso e persecución" se traslada tamén á súa familia. "Non é inmadurez, é madurez emocional e unha chamada á reflexión colectiva. Non podemos seguir así", engadiu.

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva (c), xunto ao secretario xeral do PSOE provincial de Pontevedra, David Regades (i) e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, nun acto de apoio a Pedro Sánchez
A presidenta do PSdeG, Carmela Silva (c), xunto ao secretario xeral do PSOE provincial de Pontevedra, David Regades (i) e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, nun acto de apoio a Pedro Sánchez | Fonte: Europa Press

MOBILIZACIÓN DO SOCIALISMO GALEGO

O socialismo galego mobilizarase este sábado, día 27 de abril, en apoio ao presidente do Goberno e líder do PSOE, Pedro Sánchez, con autobuses para que a militancia poida acudir a Ferraz a mostrar o seu respaldo, ademais de convocar concentracións ante as sedes do partido. Segundo destacaron fontes socialistas, na madrugada deste venres sairán autobuses de Pontevedra, de Lugo e de Ourense, que farán paradas en distintas localidades galegas para recoller aos militantes e simpatizantes que desexen asistir á mobilización convocada ás 11,00 horas ante a sede de Ferraz.

Ademais, nun contexto no que o PSdeG celebra o domingo o seu Congreso Extraordinario para renovar á súa dirección, o partido tamén celebrará concentracións ante algunhas das Casas do Pobo repartidas polo territorio galego para que aquelas persoas que desexen poidan asistir. Precisamente, nunha rolda de prensa celebrada este venres, o secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza, chamou á cidadanía a que acuda este sábado á sede local da formación. A acción terá lugar ás 11,00 horas, a mesma hora á que se celebra a concentración de Madrid.

Bouza, cuxa agrupación lanzou tamén un manifesto de respaldo a Sánchez e de defensa da democracia e os valores socialistas, asegurou que os socialistas galegos "saben ben" o que implica o partido de Núñez Feijóo. "Xa en 2009 fixo unha campaña de acoso e derriba ao goberno presidido por Emilio Pérez Touriño, chegando ás descualificacións persoais o vicepresidente da Xunta e facendo acusacións gravísimas de malos tratos á súa muller", dixo.

MENSAXE A FEIJÓO E A RUEDA

Carmela Silva apelou aos "demócratas" e "á xente do PP, que algunha haberá" e os seus votantes, para que "paren esta deriva antidemocrática". Así mesmo, trasladou unha mensaxe a Feijóo, ao que lembrou que os gobernos se conforman con maiorías no Parlamento. "Vostede non o conseguiu, non pode vostede continuar bombardeando a verdade, a democracia, o Estado de Dereito, o respecto político, as regras de xogo institucionais. Ten que parar esta deriva, señor Feijóo", proclamou

Por outra banda, tamén se dirixiu ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a quen pediu "que non se some ao vergoñoso argumentario elaborado desde Xénova" e se opoña á deriva do PP".

Para Silva, é o momento "adecuado" para que o presidente galego demostre "que cre nos valores democráticos" e que "o sentidiño do que presume sexa certamente a ruta pola que transcorre o debate das ideas, dos proxectos políticos e das propostas". "Estamos a xogarnos a democracia", sentenciou Carmela Silva.

PAZOS CRITICA A SANCHEZ E O SEU "MELODRAMA"

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, criticou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, por converter aos españois en "espectadores" da súa "melodrama" ou "traxicomedia" e reprobou que a esquerda queira "distinguir entre familias de primeira e de segunda". De feito, tras incidir en "bulos" que afectan a familias do PP, suxeriu que PSOE e BNG deberían "desculparse" por utilizalos.

"Parece que a esquerda neste país é libre de lanzar bulos e sospeitas sobre calquera político ou sobre os seus familiares que non sexan da súa cor, pero son incapaces de aceptar unha crítica ou denuncia sobre as súas actuacións sospeitosas. Todo o que supoña un cuestionamiento legal ou ético das súas actividades cualifícano de xogo sucio, pero para eles todo vale con tal de atacar a imaxe e a credibilidade do PP e dos seus representantes", engadiu. E a continuación citou varios exemplos, como o uso de informacións sobre a relación da parella de Alberto Núñez Feijóo con Sargadelos que logo foron "rectificadas", "constantes" alusións aos contratos da Xunta con Eulen (empresa na que traballa a irmá do expresidente), ou a mención a contratos da compañía ligada ao marido da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, entre outras.

INÉS REY CONSIDERA "MEZQUINAS" AS ACUSACIÓNS DE FEIJÓO

A alcaldesa da Coruña e secretaria xeral dos socialistas coruñeses, Inés Rei, cualificou de "mezquinas" as declaracións do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, en relación á decisión tomada polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de darse uns días para decidir se segue á fronte do Executivo. "Son a proba da degradación da política, da deshumanización do adversario político", argumentou Inés Rei, para quen a intervención de Feijóo é de "unha miseria moral como non se viu nunca". Así, fai referencia a que "non hai un mínimo de empatía, nin un mínimo de respecto" ante, engadiu "unha familia que está a sufrir".

COMPOSTELA ABERTA SOLIDARÍZASE CON SANCHEZ

A portavoz municipal de Compostela Aberta e tenente de Alcaldía de Santiago de Compostela, María Rozas, sumouse aos apoios ao preside do Goberno, Pedro Sánchez, e fixo unha reflexión sobre a sociedade actual e o "altofalante que hai para moitísimos bulos". Neste sentido, puntualizou que na súa formación, sobre bulos, "saben moito" xa que no goberno que tiveron en solitario na capital galega, entre 2015 e 2019, foron "vítimas de moitísimas noticias falsas". A continuación, volveu a botar a vista ao pasado e lembrou a eses compañeiros de partido, en particular ao que foi alcalde de Santiago Mariño Noriega que "foi vítima de situacións similares". "Creo que hai que dicir basta ante esa situación", sentenciou.

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA REPROBA A SÁNCHEZ

O Partido Popular aplicou a súa maioría absoluta no pleno da Deputación de Pontevedra para reprobar ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante unha sesión na que, mentres se debatía este punto, o Grupo Socialista abandonou a sala entre críticas aos populares, aos que acusan de actuar como "peóns" do líder do seu partido, Alberto Núñez Feijóo.

Precisamente, a moción do PP para reprobar ao presidente do Goberno radicaba nas palabras pronunciadas o pasado 13 de marzo nunha sesión de control no Congreso, nas que recriminou ao líder da oposición que, co seu "historial", no PSOE non chegaría "nin a concelleiro de pobo", o que para o PP representa un "desprezo" aos edís e ao mundo rural. O grupo provincial do PSOE enmarcou esta proposta do PP na "cazaría contra o presidente do Goberno de España" e que "pon en xaque á democracia". Así, durante o debate deste punto da orde do día, os deputados socialistas abandonaron temporalmente o pleno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta