(Vídeo) As colmeas que de milagre sobreviviron ao grande incendio de Rois, rodeadas de árbores autóctonas

O incendio que arrincou na tarde do luns na parroquia de Herbogo, no concello de Rois, e que a estas alturas se atopa xa baixo control tras calcinar 130 hectáreas, tivo piedade ao chegar a unhas colmeas que se atopaban na aldea de Fufelo, de 12 veciños. "Foi un milagre", contan os veciños ao Galicia Confidencial.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/04/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O incendio que arrincou na tarde do luns na parroquia de Herbogo, no concello de Rois, e que a estas alturas se atopa xa baixo control tras calcinar 130 hectáreas e poñer en risco a unha parroquia, unha explotación gandeira e arrasar cun transformador da luz, tivo piedade ao chegar a unhas colmeas que se atopaban na aldea de Fufelo, de 12 veciños. Os veciños da zona contan ao Galicia Confidencial que "foi un milagre", e mesmo algúns acudiron cos seus propios medios a botar unha man aos bombeiros, algo que, como confesan, "tampouco nos deixaron facer moito, porque dixeron que o primeiro era a seguridade das persoas".

Zona de colmeas que se salvou do grande incendio de Rois deste 22 de abril na parroquia de Fufelo
Zona de colmeas que se salvou do grande incendio de Rois deste 22 de abril na parroquia de Fufelo | Fonte: GC

E é que como puidemos observar no lugar, as colmeas, que superaban a vintena, quedaron a escasos 10 metros da zona afectada polo lume. As pobres abellas tiveron que 'chupar' fume durante moito tempo, pois aínda hoxe o cheiro no lugar era insoportable. Como acontece en moitas zonas do rural galego, algúns veciños teñen colmeas para consumo propio ou ben por 'hobby', e estas atópanse habitualmente no medio de leiras rodeadas por vexetación, é dicir, no medio do monte. Por iso se pode entender o perigo que estas colmeas e as súas abellas corrían nun lume que coa forza do vento se espallaba a gran velocidade. Con todo, no lugar onde estaba situadas había unha notable diferencia: ao seu arredor as árbores eran autóctonas e non eucaliptos, como na parte ata onde ardeu.

"TIÑAMOS LEÑA SECA NUNHA LEIRA TRAS A CASA E ESTABAMOS PREOCUPADOS"

Unha señora da aldea de Fufelo cóntanos que na aldea veciña, no Faro, "arderon uns cables e quedaron sen luz, así que, por seguridade, cortáronnos tamén a nós a luz". E é que, como asegura e como tamén nós puidemos comprobar polos rescoldos que quedaban, "as lapas estaban moi moi preto, case a rente das casas". De feito, conta que "nós tiñamos leña seca nunha leira e estabamos preocupados por se chegaba o lume á casa", pois podería prender nela e afectar á vivenda facilmente. Dende onde estabamos a falar con ela tamén viamos algún que outro animal, como ovellas e vacas, que, de ter chegado o lume terían que ser evacuadas xunto aos veciños.

"DE NOITE METÍASTE NA CAMA E HABÍA CHEIRO A FUME, PASÁBALO MOI MAL"

"Estivemos despertos gran parte da noite, con intranquilidade, e algúns veciños foron a axudar, pero había zonas nas que os dispositivos de seguridade lles dixeron que alí era mellor que non estiveran porque o primeiro era a súa seguridade e debían apartarse", explícanos, aínda consternada polo acontecido: "De noite metíaste na cama e había un cheiro a fume como se estivese dentro das casas e pasábalo moi mal, non se respiraba ben". Aínda hoxe na zona que estaba baixo control, pero onde aínda había rescoldos activos, o cheiro era intenso, metíase nos pulmóns e tardaba en saír aínda cando estabas xa lonxe do incendio.

VECIÑOS QUE AXUDARON AOS BOMBEIROS A FACER O CORTALUMES ATA Á UNHA

Outro veciño da zona cóntanos que baixou a axudar e estivo "ata a 1 da mañá" xunto a outros veciños axudando aos bombeiros a facer o cortalumes, a zona onde deron pararon o lume, botando unha man no que puideron". As chamas quedaron xusto ás portas da aldea do Faro. Un brigadista asegurounos que na pista que vai dende Fufelo cara o Faro foi onde se logrou deter o incendio, que xa non pasou ao outro lado da estrada. As pistas xogaron un papel importante como cortalumes, exercendo de zona de separación entre a superficie afectada e a non queimada. 

NON SE LEMBRABA ALGO SEMELLANTE NA ALDEA DENDE OS LUMES DO 2006

E é que os veciños lembran que "onte sopraba moito vento e as chamaradas tíñalas diante, pero cando te dabas conta xa estaban case na outra punta do monte, do rápido que avanzaban". "Ao comezo viamos o lume aló lonxe e non parecía tanto, pero en pouco tempo xa o tiñamos aquí", confesa a señora. Nesta zona do concello de Rois, na parte máis alta, non se lembra algo semellante dende os grandes incendios que afectaron a Galicia no ano 2006. Naquel tempo, "si que o lume chegou moito máis preto das casas". Recordan os veciños que mesmo os nenos foran axudar, porque "aquilo era moito".

"NO MONTE MÁIS ARRIBA NON DEBERÍA HABER TANTO PERIGO, HAI CARBALLOS"

Preguntados sobre se tiñan medo de que o lume avanzase cara máis arriba, o home co que falamos asegurounos que "na zona de monte máis arriba non debería haber tanto perigo, porque alí hai carballos, que arden máis lentamente". E é que na zona do incendio case todo o que ardeu foron fincas de eucaliptos, unha especie con moita facilidade para propagar as chamas e cuxas faíscas poden viaxar polas copas a grandes velocidades xerando focos secundarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta