O PSOE local sinala que o Goberno investiu en Santiago 220 millóns de euros

Así o destacaron nunha rolda de prensa ofrecida este xoves o secretario local do PSOE, Aitor Bouza, quen compareceu ante os medios xunto aos representantes socialistas da provincia no Congreso e o Senado

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2024 | Actualizada ás 16:10

Comparte esta noticia

O PSOE compostelán destacou que os investimentos do Executivo estatal na zona de Santiago de Compostela ascenden a 220 millóns de euros e lembrou que o goberno local contará con 20 millóns procedentes de fondos europeos conseguidos pola xestión do anterior goberno local.

Así o destacaron nunha rolda de prensa ofrecida este xoves o secretario local do PSOE, Aitor Bouza, quen compareceu ante os medios xunto aos representantes socialistas da provincia no Congreso e o Senado.

En concreto, no acto participaron o senador e exalcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e as deputadas no Congreso Obdulia Taboadela e Montserrat García Chavarría, así como o secretario provincial, Bernardo Fernández.

Na súa intervención, Aitor Bouza destacou a necesidade de "render contas" e explicar aos cidadáns cales son os logros do goberno de Pedro Sánchez. "Hai un goberno que segue gobernando e traballando, máis aló de conflitos inventados nos que están centrados determinadas formacións políticas", engadiu Fernández.

Neste punto, Bugallo, que é senador, asegurou que está actualmente "no epicentro da peor política do país", tendo en conta que o PP utiliza a súa maioría na Cámara alta para que calquera iniciativa que chegue "empece e acabe no caso Koldo, en Puigdemont ou na amnistía".

A pesar diso, destacou que "a realidade é outra" e que mesmo o FMI situou a España como unha das economías que máis crecerá. Así, tras pór en valor cifras como as do paro na cidade, dixo que os distintos ministerios teñen postos en marcha programas e actuacións por 220 millóns e puxo como exemplo cuestións como o investimento na Edar e a Orbital, ou a futura ampliación do aparcadoiro da intermodal.

Ademais, sostivo que o novo goberno conta con 20 millóns de euros de fondos europeos que foron xestionados no anterior mandato e que permitirán agora a posta en marcha de proxectos ambientais, a recuperación do Banquete de Conxo, Sar, Sarela, o Lago do Auditorio e a rehabilitación de Santa Isabel e Vite.

No acto, ademais, Montserrat García Chavarría puxo en valor a xestión do Goberno en materia ferroviaria e Obdulia Taboadela, quen, entre outras cuestións, incidiu na "marca" de afiliados á Seguridade Social que se rexistra e destacou o marco xeral de crecemento da economía.

Rolda de prensa de repersentantes institucionais do PSOE na sede local
Rolda de prensa de repersentantes institucionais do PSOE na sede local | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta