O PSdeG sobre a advertencia do aumento de gasto e débeda da Xunta dado pola Airef: "Dá un baño de realidade a Rueda"

A deputada socialista Patricia Iglesias explicou que o incremento do 8 % no gasto e o aumento da débeda nun 15 % desequilibra a fiscalidade galega e provoca unha "deterioración importante das finanzas públicas", co risco de que "deixen sen atender a calidade dos servizos públicos como sanidade, educación, servizos sociais ou dependencia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2024 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

A parlamentaria do PSdeG, Patricia Iglesias, alertou do "baño de realidade" dado pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) á Xunta ao advertir de que existe un "claro risco de incumprimento da regra fiscal" pola rebaixa das previsións económicas para 2024. Nunha rolda de prensa ofrecida este venres no Parlamento de Galicia, asegurou que mentres Rueda facía gala no debate de investidura do seu proxecto económico e dunha "Galicia de fantasía" este organismo advertía das regas deste incumprimento.

A deputada socialista explicou que o incremento do 8 % no gasto e o aumento da débeda nun 15 % desequilibra a fiscalidade galega e provoca unha "deterioración importante das finanzas públicas", co risco de que "deixen sen atender a calidade dos servizos públicos como sanidade, educación, servizos sociais ou dependencia". Iglesias dixo que "a economía galega non vai tan ben" ao crecer un 1,8 por cento, fronte ao 2,5 do Estado, e despois de que pechasen 11.000 empresas en 2022, como sinalou no debate o portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

A responsable socialista tamén considerou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quere "imitar o dumping fiscal" da súa homóloga na Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e avisou de que Galicia "perde 150 millóns" ao ano polas rebaixas fiscais do Goberno galego, cunha política fiscal "para ricos". Así, sostivo que "a decisión do Goberno galego de deixar sen aplicar o imposto ás grandes fortunas, as exencións ao imposto do Patrimonio ou as novas exencións ao imposto de herdanzas esconde menos recursos" para os servizos públicos.

Nesta liña, reclamou ao presidente galego "altura de miras" e que "deixe de facerlle oposición á oposición" e asuma a súa responsabilidade como titular da Xunta á fronte dunha Galicia que "non vai tan ben porque crece menos que o resto de España". Ademais, emprazoulle ao Goberno galego a que recoñeza o impacto positivo das políticas do Estado sobre o aumento de cotizantes á Seguridade Social, a redución do paro ou o incremento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI).

"OPOSICIÓN ÚTIL E REALISTA"

A parlamentaria remarcou que os socialistas galegos farán unha oposición "útil e realista fronte a un Rueda "conformista", tal e como se demostrou na investidura. Tamén apuntou que a mostra de "responsabilidade institucional" dada por Besteiro, ao ofrecer "lealdade con maiúsculas" ao presidente galego, pero sen deixar de lado a crítica e lonxe das prácticas do PP no Congreso.

A socialista destacou que o portavoz parlamentario do PSdeG anunciou catro anos de defender e explicar "propostas rigorosas" baixo o liderado dun José Ramón Gómez Besteiro "vixiante coas políticas do PP", como mostrou coa oferta de 5 acordos en materia de sanidade, vivenda, económica, lingua e financiamento local.

A parlamentaria do PSdeG Patricia Iglesias en rolda de prensa
A parlamentaria do PSdeG Patricia Iglesias en rolda de prensa | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta