Persoal da sanidade privada da Coruña denuncia que hai profesionais que non cobrarn nin o SMI

Censuran a paralización das negociacións do convenio e para esixir a retirada das propostas da patronal, "que suporían un retroceso nas súas condicións laborais"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2024 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

Traballadores da sanidade privada da provincia da Coruña concentráronse este xoves ante as portas do HM Rosaleda, en Santiago de Compostela, para esixir un convenio digno. Posteriormente, e xa no interior, improvisaron un almorzo.

Censuran a paralización das negociacións do convenio e para esixir a retirada das propostas da patronal, "que suporían un retroceso nas súas condicións laborais".

A representante da CIG, Ana Varela, lembrou que estiveron máis dun ano de negociación do convenio sen ningún froito. "A patronal o único que puxo encima da mesa foi quitarnos o 100% das IT e a antigüidade e despois dun ano e seis meses de folga decidiu pedir a mediación, que os sindicatos rexeitamos porque encima da mesa a única proposta que ía era quitarnos o 100% das IT e a antigüidade", explicou.

Segundo explican nun comunicado, nestes hospitais privados un 95% dos pacientes que se atenden proceden da sanidade pública. Con todo, argumentan que o seu persoal cobra moitísimo menos que o persoal do Sergas, "tendo unha carga de traballo moitísimo maior". "Nós chegamos a facer 1.826 horas".

Para o colectivo, o "máis grave" é que haxa xente que non está a cobrar nin o Salario Mínimo Interprofesional. "A maioría de xente non chega a mileurista e quen máis, está a cobrar 1.100-1.150 euros e non pasa de aí", apunta.

Por outra banda, sinalan que o 45% do negocio destes hospitais depende dos concertos co Sergas, que deriva a pacientes tanto para cirurxías como "cada vez máis, para probas diagnósticas".

A este respecto, aseguran que a patronal xustifica a súa pretensión de introducir recortes de dereitos e de negar melloras "aducindo que as cantidades que reciben por eses concertos son insuficientes e que están a traballar a pédidas".

Fronte a isto, a representación sindical defende que "non é responsabilidade dos traballadores que esta empresa, propietaria dos hospitais privados máis grandes do Estado, firme concertos por baixo dos custos".

Responsabilizan tamén ao Sergas de "non garantir condicións dignas tanto na prestación como nas condicións laborais que ten o persoal destes centros sanitarios". Conclúen que é "indigno" non chegar a fin de mes "traballando máis de 40 horas semanais" e advirten que, "non pararán ata conseguir que esas condicións laborais dignas estean garantidas".

Concentración dos traballadores da sanidade privada en Santiago
Concentración dos traballadores da sanidade privada en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta