Valentín García celebra que Política Lingüística vaia cobrar maior peso, aínda que evita adiantar se será conselleiro

O Secretario Xeral de Política Lingüística tampouco deu pistas sobre se finalmente a área de Cultura será dividida.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2024 | Actualizada ás 20:43

Comparte esta noticia

O Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, cualificou este mércores como "unha boa noticia" a intención do presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, de que a área de Cultura e Política Lingüística vaian ter maior peso no novo executivo, aínda que non adiantou se el podería ser conselleiro desta área. "Eu véxome como secretario xeral de Política Lingüística, que é o que son hoxe. Ao presidente da Xunta é a quen lle corresponde nomear aos conselleiros do seu goberno", respondeu a preguntas dos medios nun acto celebrado no Pazo de Trasalba, no concello ourensán de Amoeiro.

García figura nas quinielas como posible titular do departamento da área de Cultura e Lingüística no caso de que Alfonso Rueda decida dividir a Consellería, que a día de hoxe leva xunto con Educación Román Rodríguez.

Esta posibilidade parte do feito de que o Partido Popular encomendoulle unha tarefa de relevancia orgánica na pasada cita coas urnas, cando tivo que coordinar un programa electoral cuxas medidas debullou este mesmo martes o líder do Partido Popular de Galicia como compromisos firmes en sede parlamentaria.

En todo caso, García tampouco deu pistas sobre se finalmente a área de Cultura será dividida. "É unha decisión que ten que tomar o presidente e seguro que a que tome será a máis acertada", manifestou, sinalando que o que anunciou polo momento Alfonso Rueda "é a potenciación" da cultura e a política lingüística, algo que cualificou como "unha boa noticia". "Creo que é unha boa noticia que tome corpo e impulse aínda máis a cultura galega, que está a pasar por un momento esplendoroso, e a lingua propia de Galicia. Creo que a política lingüística de Galicia é un modelo de tratamento, concordia e entendemento entre ámbitos e comunidades lingüísticas, un modelo en toda España", destacou o secretario xeral.

Así as cousas, insistiu en que non se postulou como conselleiro, senón que "é o señor Presidente o que escolle" e por tanto "a el correspóndelle tomar esa decisión". En todo caso, garantiu que os que elixa como conselleiros "serán os mellores e os máis adecuados para compartir as responsabilidades de goberno e facer o mellor goberno para Galicia, que é o que corresponde nestes momentos".

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García | Fonte: Conchi Paz - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta