Persoal de Navantia Ferrol mobilizarase por "falta de avances" na negociación do plan industrial e do convenio

Acusan á dirección de non aceptar a redución de xornada a 35 horas semanais e de non concretar un sistema de promocións internas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2024 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

Os traballadores de Navantia Ferrol teñen previsto iniciar un novo calendario de mobilizacións, que será sometido á súa aprobación en asemblea, ante a "falta de avances" na negociación dun novo Plan industrial e do novo convenio colectivo, que leva "tres anos caducado". Así o asegurou, este venres en rolda de prensa, o presidente do comité de empresa, Carlos Díaz, do sindicado Movemento Alternativo Sindical (MAIS), que acusou á dirección da empresa de "non estar interesada" en abordar ambos os asuntos.

"Rexeitamos a actitude dilatoria nas conversacións, non lle podemos nin chamar negociación, xa que non se dá resposta a ningún tema de importancia que os traballadores pomos sobre a mesa", detallou Díaz. Desta forma, acusou á dirección de "non aceptar a redución de xornada" cara ás 35 horas semanais, de "non asumir" reducir os tempos de nivel de entrada --que está en catro anos e pretenden reducilos aos seis meses--, e, entre outras de "negarse a publicar" niveis salariais dos técnicos superiores.

Así mesmo, lamentou que a dirección da empresa "non concrete" un sistema de promocións internas para ter un desenvolvemento profesional e de "non ser capaces de compensar economicamente" os traslados entre centros da mesma área xeográfica.

COMUNICACIÓN Á SEPI

Carlos Díaz detallou que lle comunicarán a situación á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), propietaria da empresa, lembrando que se cumpre "o terceiro ano sen convenio".

No caso do estaleiro de Ferrol, asegurou que as súas demandas pasan por "investimentos necesarios" tanto en Reparacións como en obra nova para "manter a competitividade", así como "carga de traballo" xa que o compromiso do buque de aprovisionamento en combate (BAC) "aínda non está asinado" e a previsión era que a "orde de execución sería en marzo".

Pórticos de Navantia  /  EUROPA PRESS/ARQUIVO
Pórticos de Navantia / EUROPA PRESS/ARQUIVO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta