Temas: FUXIDAS

16.000 persoas acoden a ver "Heroes Animados" no seu segundo mes de apertura

A exposición reflicte o proceso de deseño e creación de personaxes nas producións de animación. Estará aberta ata o 28 de novembro na sede da entidade na Coruña. Trátase dun proxecto desenvolvido por ILUX Visual Technologies en exclusiva para Afundación. I A área educativa da entidade ofrece diferentes actividades para escolares.

Por GC Tendencias | A Coruña | 28/09/2015 | Actualizada ás 22:08

Comparte esta noticia

Case 16.000 persoas visitaron xa na Sede Afundación da Coruña a exposición «Heroes animados», inaugurada o pasado 2 de xullo e que permanecerá aberta ata o vindeiro 28 de novembro en horario de luns a venres, de 17.00 a 21.00 h e os sábados e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h. A mostra, deseñada en exclusiva para a entidade por ILUX Visual Technologies, recolle todos os detalles do proceso de deseño e creación dos personaxes nas películas e producións de animación a partir do traballo desenvolvido polo prestixioso Grangel Studio.

Unha das imaxes de heroes animados
Unha das imaxes de heroes animados | Fonte: afundacion.org

«Heroes animados» mostra, desde o punto de vista do deseño dos personaxes, todo o proceso creativo dunha produción de cine de animación de alta calidade, desde que nace o guión ata que finaliza o proxecto. A montaxe parte do traballo desenvolvido polo estudo nos seus 25 anos de historia a través das películas O príncipe de Exipto, Spirit, O corcel indomable, A ruta cara ao Dourado, Simbad e a lenda do Sete Mares, O espantatiburóns, Madagascar, Kung-Fu Panda, Como adestrar ao teu dragón, A noiva cadáver de Tim Burton, Piratas e Hotel Transilvania.

A exposición exhibe pezas orixinais únicas, que se mostran por vez primeira ante o público e inclúe materiais diversos que se mostraron en diferentes proxectos relacionados co ámbito da animación no Museum of Modern Art de Nova York (MoMA); o Katzen Arts Center (American University Museum), en Washington; o County Museum of Art (LACMA) de Los Ángeles; o Bell Light Box (The TIFF), en Toronto; The Australian Centre of Moving Image (ACMI), en Melbourne; ou na Cinémathèque Française de París.

Paralelamente á mostra, a área educativa da entidade, como en cada proxecto expositivo, deseñou un completo programa didáctico para este curso escolar, co que os estudiantes se achegarán, dende un punto de vista teórico e práctico, a todos os segredos que se agochan trala creación de personaxes animados a través de tres obradoiros:  Eu tamén son un súper heroe, dirixido a nenos de infantil ata 3º de primaria; no que coñecerán os principios do mundo da animación e a técnica stop motion; Stop Motion para escolares, de 4º de primaria a 2º de ESO, e Heroes Animados, dirixido a estudantes de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos, no que se tratarán os novos proxectos, o emprendemento e os soños profesionais, a partires do proceso de realización dun filme. Ademais destes obradoiros, a entidade ofrece a posibilidade de realizar visitas guiadas para grupos, previa reserva no teléfono 981 185 060, así como visitas para público en xeral todos os mércores e venres ás 19.00h.

Ademais, Carlos Grangel, codirector de Grangel Studio, ofrecerá unha conferencia na Sede de Afundación sobre as características do traballo de animación de alta calidade e o 31 de outubro comezará  un ciclo de cine infantil de animación no que se proxectarán algunhas das producións deste estudo: Kung-Fu Panda, Hotel Transilvania, A ruta cara ao Dourado, Madagascar, Piratas e Como adestrar ao teu dragón.

Temas: FUXIDAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta