Desestiman a demanda dun antigo policía contra Jácome, que dicía que o alcalde se referiu a el como parte da 'mafia policial'

O xulgado entende que o alcalde non pronuciou palabras inxuriosas contra el nin se referiu especificamente ao demandante cando se expresou con termos como 'mafia policial' ou 'mazás podrecidas no corpo', senón que as dixo de forma "xeralista".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 02/04/2024 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

O xulgado de Primeira Instancia número 1 de Ourense acordou desestimar a demanda interposta por un exaxente de Policía Local contra o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, por intromisión ilexítima no dereito á honra e á intimidade persoal, ao entender que o alcalde non pronuciou palabras inxuriosas contra el nin se referiu especificamente ao demandante cando se expresou con termos como 'mafia policial' ou 'mazás podrecidas no corpo'.

Na súa resolución, o maxistrado expón que o expolicía refírese na súa demanda a un altercado que tivo co alcalde o 14 de febreiro de 2019, e a partir do cal, asegurou, Jácome "iniciou unha campaña de descrédito contra a súa persoa" a través de diferentes medios. Con todo, o xuíz sinala que na proba pericial presentada polo exaxente "todo fai referencia ao altercado de 2019 no que se fala do demandante como policía con antecedentes penais". Respecto diso, apuntou que esa afirmación era certa, pois o propio demandante recoñeceu no seu interrogatorio que fora condenado por un delito de falsidade en documento público.

Nese sentido, expón que "non se observa nada que fose inxurioso ou que non fose verdadeiro nesas palabras vertidas polo demandado en redes sociais". Por outra banda, con respecto ás manifestacións do alcalde de Ourense, nas que falou de que existe unha "mafia policial" ou que hai "mazás podrecidas" no corpo, o xuíz apunta que se trata de expresións realizadas "de maneira xeneralista, sen que se concrete que se refire ao demandante". De feito, lembra que o propio expolicía declarou que non se sentía concernido por esas palabras, aínda que dixo que si "ao cabo dun intre".

Para o maxistrado esa xeneralización feita por Jácome nos medios "non pode entenderse como un ataque persoal ao demandante, que esgrime o seu dereito á honra como particular, polo que non existe un prexuízo directo á honra". En canto a unha gravación na que o alcalde relata o enfrontamento que tivo co demandante, entende que "non inclúe ningunha frase que poida ser atentatoria" contra a honra do exaxente, porque fai refencia a unha condena certa e utiliza expresións "xeneralistas", sen individualizar as súas palabras.

O demandante reclamaba unha indemnización de 20.000 euros por dano moral, ao considerar a conduta de Jácome constitutiva dunha intromisión ilexítima no dereito á honra e á intimidade. Agora o xulgado resolveu desestimar a demanda, pero o fallo non é firme e pode ser recorrido en apelación.

O alcalde da cidade de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde da cidade de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta