Unha protesta nacional baixo o lema: "Queremos futuro, mais non así"

"A caridade é humillante porque se exerce verticalmente e desde arriba; a solidariedade é horizontal e implica respecto mutuo". Eduardo Galeano

Por Fermín Paz | As Pontes | 30/03/2024

Comparte esta noticia
Moitos deseños para un futuro prometido e prometedor é un sufrimento real do que estamos a vivir e por quen o está a  experimentar en primeira persoa. A corrupción non é auga pasada e segue a mover os muíños da praxe política, sindical e social. O silencio e o colaboracionismo conforman unha alianza necesaria e necesitada para acadar algún dos obxectivos inconfesables "dunha nova reindustrialización", dunha maior "eucaliptalización", de seguir sendo excedentarios na produción eléctrica galega a conta dunha maior invasión eólica, da demolición e do peche do queda en pé da anterior fase de explotación colonial, ademais dos abusos dos mercados financeiros, do neoliberalismo e dos intereses económicos que están a empobrecer as nosas condicións de vida. 
 
Unha gran parte da poboación ten que dedicar a maioría do seu tempo á supervivencia e os menos, a vivir ben que son tres dias!!!. Nin a riqueza nin a pobreza responden a unha orde natural nin inevitable nin a creación dunha pode entenderse sen a outra.
No referente á xestión da desorde mundial, a cuestión a debate xa non é a nosa suposta humanidade, senón cara a onde imos e tan a presa. Dubido que teñamos tempo para decatármonos que os camiños polos que nos estamos a deixar levar, sexan só de ida  pero sen volta. A depredación converteuse nunha necesidade para seguir rulando cara á derrota derradeira. Cada quen no seu territorio debe sumar esforzos para poñerlle freo a desfeita. É así e non doutro xeito, desde o pequeno ao grande, da base a quen dirixe, como seremos quen de facer os trocos que se precisan para que os acontecementos collan outra orientación diferente.
 
Galiza é un dos territorios onde están a plasmarse as tensións contemporáneas do capitalismo depredador e os fenómenos que subxacen á explotación irracional dos nosos recursos. A obriga de todos e todas en cada unha das comunidades onde se están a producir estes feitos é identificalas e desenmascaralas, aínda que se disfracen de progreso e afrontar con decisión as contradicións inevitábeis en calquera conflito e, sen ningún desánimo, termar das tensións que están a producir. A publicidade fraudulenta destes procesos é un dos seus grandes activos, mais as verdadeiras intencións  deberemos poñelas ao descuberto. Boto de menos unha convocatoria de protesta nacional na Galiza e quen queira seguir a comungar con rodas de muiño será a súa liberdade mais non é a miña. Nego a bondade do capitalismo, resístome a acreditar nos termos ecolóxicos como reverdecedores de calquera proxecto industrial.
O de As Pontes, Altri, Alcoa, a pesca, o agro, o pequeno comercio, o transporte, a saúde, os servizos públicos, etc..., precisan dunha resposta clara, contundente, sen grandes abstraccións.
 
Falemos alto e claro sen preocuparnos de todos medios que están a empregar de novo. Non nos deixemos convencer, sigamos a resistir. Defendamos o noso, o que é de todos e todas. É a nosa maneira de ser de ser galegos e galegas, de defender a Galiza aínda que saibamos que hai outras maneiras de entender esta declarativa e eles, non nos entendan, non!!!

Varias persoas protestan durante unha manifestación convocada pola asociación Savemos ou Val de Barcia e o Monte Xalo contra os macroeólicos
Varias persoas protestan durante unha manifestación convocada pola asociación Savemos ou Val de Barcia e o Monte Xalo contra os macroeólicos | Fonte: M. Dylan
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.