A ocupación turística en Galicia roldará o 70% e o 80% en Semana Santa

Prevese que o máximo nivel de ocupación se rexistre durante as xornadas do xoves 28 e o domingo 31 de marzo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2024 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

As previsións do sector turístico galego para esta Semana Santa apuntan uns niveis de ocupación de entre o 70% e o 80%, segundo os datos solicitados polo Clúster Turismo de Galicia esta semana. Apuntan que as fontes consultadas coinciden en sinalar que a alza ou baixa da ocupación estará condicionada polas reservas de última hora, "moi habituais neste período vacacional e que dependen, en boa medida, da meteoroloxía".

A enquisa sinala que o máximo nivel de ocupación se rexistrará durante as xornadas do xoves 28 e o domingo 31 de marzo, nas que nalgunhas zonas prevén porcentaxes de ocupación do 95% e do 100%, como na Costa da Morte e nalgúns municipios polos que transcorren as rutas Xacobeas. O turismo rural tamén concentra unha alta demanda para estas xornadas cunha previsión de ocupación do 80% en lugares como a Ribeira Sacra.

PERFIL DE VIAXEIROS

En canto ao perfil de viaxeiros, en Galicia as reservas apuntan a un turista de proximidade, "aínda que cunha destacada presenza de turistas internacionais, procedentes principalmente de Portugal, Francia e Estados Unidos".

Respecto dos prezos, tenden á alza nas xornadas centrais de Semana Santa e a maioría dos aloxamentos consultados coincide nunha subida do 10%, aproximadamente, debido a que as meterias primas subiron entre un 10% e un 20%.

PREVISIÓN POR ZONAS

Por último, para a zona da cidade da Coruña se pevén "bos datos" de ocupación e espérase que o visitante maioritario sexa o nacional ou procedente de Portugal. Na Costa da Morte, espérase que se alcancen cifras de ocupación superiores ao 70%, aínda que tamén se prevén datos do 95% cara a finais de semana.

En Santiago, os datos apuntan que a ocupación estará próxima ao 90% e destaca o peso do turista internacional con porcentaxes de ata o 65%, principalmente procedente de Portugal, Italia, Francia, Alemaña e Estados Unidos. Para Ferrol auguran unha boa Semana Santa, aínda que con cautela debido ao impacto que adoita ter o clima nas reservas.

En Pontevedra esperan alcanzar cifras de ocupación similares ás do ano pasado, entre o 60% e o 80%. Neste caso, ten un peso maior o turismo de proximidade e nacional, e o internacional está presente con turistas procedentes de Portugal. En ambos os casos, principalmente destacan a zona do Morrazo e a do Salnés.

En Ourense espéranse bos datos e esperan incrementar as reservas de última hora se o clima acompaña, sobre todo de face ao xoves, venres e sábado. O turista maioritario tamén será o nacional e o interno.

En Lugo teñen boas expectativas sobre todo na zona da Mariña e en Lugo cidade.

Un grupo de turistas consulta unha carta na terraza dun bar en Santiago de Compostela / César Argina - Europa Press  / Europa Press
Un grupo de turistas consulta unha carta na terraza dun bar en Santiago de Compostela / César Argina - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta