Presentadas case 6.000 firmas por delegados da CIG en escolas infantís para pedir "salarios dignos"

Tamén reclaman a "baixada de cocientes e melloras laborais"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2024 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

Unha vintena de delegados da CIG-Ensino que traballan nas escolas infantís privadas e de xestión indirecta presentaron case 6.000 firmas en demanda de "salarios dignos, baixada de cocientes e melloras laborais".

Así o informou o sindicato nun comunicado no que detallou que este xoves celebraron unha asemblea previa á concentración que se realizou ás 12,00 horas ante a sede da patronal galega en Compostela.

O responsable deste sector da CIG-Ensino, Henrique García, e unha traballadora dunha escola de Arteixo, Ana Rodríguez destacaron a "indignación e a impotencia" que sente o colectivo formado por máis de 2.000 traballadoras en Galicia, ante o "inmobilismo das negociacións" do convenio estatal deste sector.

Despois de 15 mesas de negociación nos últimos dous anos, continuou o sindicato, e do "bloqueo patronal de ceder" ante "ningún avance", agora mesmo o conflito está no Servizo de Intermediación e Arbitraxe (SIMA), no que un xuíz ten que mediar.

Os representantes sindicais consideraron que a situación en Galicia "é diferente" á do resto do Estado xa que na comunidade galega a matrícula en todas as escolas infantís é gratuíta.

"O que fai que as empresas ao ter esa subvención por parte da Xunta, teñan máis marxe de beneficio para mellorar as condicións dos seus traballadores e aplicar cando menos esta actualización salarial", apuntou o sindicato.

As firmas tamén llas remitirán á mesa de negociación do convenio estatal e á conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García. Se finalmente "non hai ningún avance" nese marco, porque da SIMA "non esperan nada relevante", o sindicato propón que se abra unha negociación a nivel galego coas empresas que xestionan estas escolas para "avanzar en melloras reais" para as traballadoras.

As traballadoras das escolas infantís de Santiago de Compostela manifestándose por un convenio e uns salarios dignos.. NIV
As traballadoras das escolas infantís de Santiago de Compostela manifestándose por un convenio e uns salarios dignos.. NIV

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta