Despois do inverno máis cálido dende 1961 en Galicia, a primavera tamén chegará con máis calor do habitual

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé que a primavera sexa "máis cálida do normal" en Galicia tras un inverno "húmido e extremadamente cálido", segundo expuxo, en rolda de prensa, o delegado do organismo en Galicia, Francisco Infante.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2024 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé que a primavera sexa "máis cálida do normal" en Galicia tras un inverno "húmido e extremadamente cálido", segundo expuxo, en rolda de prensa, o delegado do organismo en Galicia, Francisco Infante. Sobre o inverno, dixo que foi "húmido e extremadamente cálido", con 1,8 graos por encima da media dun inverno habitual. "O máis cálido da serie histórica en Galicia desde 1961", precisou en liña co que ocorreu en xaneiro.

En canto ás choivas, sinalou que choveu "un 14 % máis do normal neste período", "Choveu cinco días máis do normal", ao facelo 45 días e non os 40 que son habituais. Das temperaturas, remarcou que "hai xa 27 meses que non se rexistra un mes máis frío do normal". "Todos foron máis cálidos e algúns normais, pero non máis frío do normal", sentenciou para precisar que o último así foi "en novembro de 2021".

De decembro, destacou as néboas persistentes no sur de Ourense e as choivas rexistradas en municipios como Rois, na provincia da Coruña. De xaneiro, dixo, á súa vez, que foi "extremadamente cálido", igual que un febreiro "cálido" sendo un mes "moi chuvioso, un 67 % máis". De marzo, resaltou o que estea a ser "máis frío do normal", aínda que apuntou que isto se vai a "corrixir rapidamente". Xa do balance hídrico, sentenciou que a situación, desde o 1 de outubro de 2023 ata o 30 de setembro deste ano, foi dun "superávit de precipitacións" e apuntou que "en principio" non haberá problemas coa auga.

PREDICIÓN PARA PRÓXIMAS DATAS

Para Semana Santa, apuntou que "de momento non hai unha predición" que poida ser concluínte por un "comportamento inestable que complica os prognósticos", aínda que avanzou que "probablemente a semana que vén sexa máis cálida do normal e normal en canto a precipitacións".

"Climatolóxicamente falando, chove entre cinco e seis días á semana de media, o que non quere dicir que chova todo o día", dixo aludindo, ademais, a que as temperaturas adoitan estar entre os 15 e 18 graos nas datas de Semana Santa. Para abril, maio e xuño, expuxo que hai unha "alta probabilidade de que sexan máis cálidos do normal en Galicia" cun comportamento na mesma liña en canto a precipitacións.

Ondas durante a fronte meteorolóxica, a 23 de febreiro de 2024, na Coruña
Ondas durante a fronte meteorolóxica, a 23 de febreiro de 2024, na Coruña | Fonte: M. Dylan - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta