A alcaldesa da Coruña reitera o seu apoio a Besteiro nas primarias do PSdeG para ser "alternativa" ao PP

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2024 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

A alcaldesa da Coruña e secretaria xeral da Agrupación Socialista coruñesa, Inés Rey, reiterou o seu apoio a José Ramón Gómez Besteiro para liderar o PSdeG ao ser preguntada polo proceso que se abre no partido. E é que este luns comeza o prazo de presentación de precandidaturas para as primarias dos socialistas galegos, que serán o 7 de abril.

"É un proceso normal e natural onde os militantes decidirán quen é o mellor candidato para dirixir o PSdeG", sinalou a alcaldesa a preguntas dos medios de comunicación tras asistir á presentación do Encontro Mundial do Humorismo, que se celebrará na cidade.

De novo, e ante as primarias, expresou o seu apoio a Besteiro, candidato á presidencia da Xunta nas pasadas eleccións autonómicas. "Creo que é a persoa indicada", expuxo ao aludir á súa decisión de ser deputado no Parlamento galego tras o seu paso polo Congreso.

Con todo, incidiu en que se inicia agora un traballo "entre todos, militantes e cidadáns" para que o PSsdeG sexa unha "alternativa real" fronte ao PP e tamén de "cambio".

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e José Ramón Gómez Besteiro nun acto de partido xunto ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e José Ramón Gómez Besteiro nun acto de partido xunto ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez | Fonte: M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta