Por que non se ofrece un menú vegano nos comedores escolares das Galiñas Azuis?

Segundo conta Rebeca Bande, presidenta da asociación Esveco, "neste último ano houbo tres familias de Galicia de diferentes localidades, todas usuarias de Galiñas Azuis, que recibiron unha negativa por parte do centro para que os seus fillos puidesen contar con menú vegano". Algo que considera "unha discriminación".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O veganismo é un estilo de vida que busca excluír, na medida do posible, todas as formas de explotación e crueldade cara os animales a través do alimento, vestimenta ou calquera outro tipo de propósito. Moita xente tende a confundilo co vexetarianismo, cando non son o mesmo, pois os vexetarianos si consumen lácteos, ovos, mel e visten con artigos de coiro, lá ou seda sen problema ético. Un estudo realizado pola Fundación Franz Weber e Libera reflexa que o 8 % dos galegos enquisados declarábase como vexetariano ou vegano (non diferenciaba entre uns e outros), o que suporía uns 200.000 galegos. Precisamente polo abultado da cifra non se entende que a día de hoxe siga habendo lugares nos que non existen opcións alimenticias para estas persoas. Lugares entre os que se atopan restaurantes e bares, pero, o máis preocupante, é que tamén comedores escolares.

Nena comendo no comedor escolar
Nena comendo no comedor escolar | Fonte: EDUCO-PERE GIBERT - Arquivo

Rebeca Bande, presidenta da asociación Esveco, está loitando a nivel estatal para lograr que haxa unha regulación que permita que os comedores escolares oferten menús especiais para os pequenos e pequenas veganos. Asegura a Galicia Confidencial que "reivindicamos o menú 100 % vexetal nos centros escolares de toda España", porque "é un dereito". De feito, Veganagal xorde, precisamente, porque "decatámonos de que ás familias integrantes da asociación, cando chegou o momento de escolarizar ás nosas crianzas, nos denegaban a opción vegana". A raíz disto, decidiron asociarse para "dar un acompañamento e dar axuda a aquelas familias que se atopan nesa mesma situación". 

O problema dos menús escolares, como nos conta, "é un pouco complicado, porque a competencia está delegada ás comunidades autónomas e, cada comunidade autónoma ten a súa propia normativa". No caso de Galicia, en concreto, "a normativa que hai sobre comedores escolares está totalmente obsoleta, é do ano 2013, e estamos no 2024, polo que está sen actualizar". Nesa normativa, "dise que o menú será único para todo o alumnado a excepción daquelas crianzas que, por motivos médicos, necesitan unha adaptación". Para poder ter acceso a esa adaptación terán que presentar o informe médico e terá que aprobarse o menú especial no consello escolar. 

Máis aló diso non fai mención a nada máis, nin para ben nin para mal. Por iso, Rebeca indica que "as persoas que demandamos un menú diferente, ben sexa por cuestións relixiosas, como pode ser o caso do colectivo musulmán, por exemplo, ou ben sexa por cuestións éticas, como é o caso dos veganos", atópanse con que "a decisión de que os nosos fillos teñan un menú adaptado vai depender da vontade do director do centro, na meirande parte dos casos", ou ben "da decisión do cátering, nos colexios nos que hai cátering, que adoita denegar a petición de menú especial, maioritariamente". Para Rebeca, isto non está xustificado, pois "unha directora ou director de centro ao final analiza a situación de xeito subxectivo e decide con esa subxectividade se lle fai un menú vegano ou non ao neno".

Por sorte, no seu caso a resposta foi 'si' e os seus nenos reciben un menú vegano aínda estando no rural galego, en Allariz, pero é consciente de que "hai moitos nenos que non o están a recibir". Por que? Considera que sobre este tema "aínda moito descoñecemento", pois os directores dos centros "seguen alegando que se trata de menús que non están equilibrados, que non son completos, e que as crianzas veganas se teñen que suplementar e eles non están autorizados a darlles esa suplementación". "Cousas que son dunha ignorancia total por parte das persoas que toman a decisión", asegura, polo que pide que "isto se lexisle canto antes", porque "non pode ser que quede en mans dun posicionamento persoal que unha crianza coma ou non coma".

E é que o non darlle un menú vegano supón un verdadeiro problema, xa que "como na meirande dos casos a resposta é un 'no', ese 'no' tamén engloba a negativa de que estas familias fagan uso do comedor escolar", o cal "é unha necesidade para moitas, pois supón unha medida de conciliación". Así as cousas, "se á crianza non se lle facilita un menú adaptado, alguén ten que recollela á hora do comedor, levala á casa e logo devolvela ao colexio pola tarde", o cal, "en non poucas ocasións deriva en redución de xornada dun proxenitor ou mesmo en ter que deixar de traballar ou ter que contratar a alguen para que a esa hora da comida poida ir a recoller ao neno ou nena". 

Por se isto fose pouco, Rebeca lembra que "con esa negativa tamén se está producindo unha vulneración do dereito a respectar e a non discriminar a ningunha crianza ou persoa por ninguna cuestión, incluído sexo, raza ou crenza, algo que está recollido na Constitución Española, pero tamén na carta dos dereitos das crianzas de Unicef e en moitos outros organismos a nivel internacional que protexen os dereitos dos nenos". Pola contra, en casos coma estes, "si está habendo unha discriminación", porque afirma que, "a día de hoxe, é ben sabido por todo o mundo e xa debería estar superado o feito de que unha dieta vegana perfectamente planificada é adecuada para calquera momento da vida, mesmo na infancia, algo que non dicimos nós sós dende a asociación, senón que o din os principais colectivos e asociacións de dietistas e nutricionistas a nivel mundial, mesmo a Organización Mundial da Saúde".

En Galicia a problemática resulta complicada de solucionar pola forma en que se organizan os centros, xa que "se estamos nun centro escolar público, este depende da Consellería de Educación, pero logo tamén están as Galiñas Azuis, que dependen do Consorcio de Igualdade e Benestar algunhas e outras da antiga Consellería de Traballo e Benestar". Esta problemática interna leva moitos anos, e está a supoñer un hándicap para a asociación á hora de poder axudar ás familias que recorren a eles pedindo axuda: "Cada vez que unha familia nos pide axuda, temos que ver a quen nos diriximos". En concreto, "neste último ano houbo tres familias de Galicia de diferentes localidades, todas usuarias de Galiñas Azuis, que recibiron unha negativa por parte do centro para que os seus fillos puidesen contar con menú vegano".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Mas

El colegio no deberia de haberles dado el menu vegano

1 Viva

El colegio es un crack