A Xunta insiste en que non declarará "de oficio" zonas tensionadas pero "estudará" as solicitudes

Ángeles Vázquez cre que o índice de prezos de referencia para limitar o aluguer nestas áreas é "un brinde ao sol" e "un engano".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2024 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, reiterou que a Xunta non declarará "de oficio" zonas de aluguer tensionadas e afirmou que estudarán aquelas solicitudes que lle cheguen dos concellos. Nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, Vázquez volveu a criticar que a lei de vivenda estatal é "insegura" e "nada clara". Así, explicou que os concellos deben ser "concretos" e, ademais de presentar a solicitude "deben dar solucións". "Así o di a lei e deben estar debidamente argumentados e xustificados", insistiu.

Sobre o índice de prezos de referencia para limitar os prezos do aluguer en áreas tensionadas, a vicepresidenta segunda en funcións lamentou que "non hai orzamento" e que "unha vez máis o Goberno central convida e as comunidades pagan" ou, neste caso, engadiu, "ao final os que pagan son os propietarios".

En todo caso, asegurou que a Xunta estuda "con detalle" desde un punto de vista técnico "as implicacións deste índice" que, lamentou, "unha vez máis foi deseñado sen a consulta nin a escoita de ningunha das comunidades autónomas". Aínda que recoñeceu que aínda non finalizaron ese estudo, Vázquez sinalou que esta norma é, "unha vez máis", un "brinde ao sol" e "un engano" para aquelas persoas "que lles custa chegar a fin de mes ou que queren independizarse".

Ángeles Vázquez, atende aos medios de comunicación.. XUNTA
Ángeles Vázquez, atende aos medios de comunicación.. XUNTA | Fonte: Europa Press


A CORUÑA E SANTIAGO

Cuestionada polas solicitudes de zona de aluguer tensionado dos concellos da Coruña e de Santiago, a representante do goberno autonómico manifestou que a capital galega "fixo un anuncio a través dos medios", pero polo momento "non enviou ningún tipo de solicitude".

No caso da Coruña, Vázquez expuxo que foi unha solicitude "en véspera das eleccións autonómicas", pero era "de medio folio e cun desexo", no que, segundo apuntou, "dicíase que se declarase todo o concello como zona tensionada, algo que non ten sentido". Nesta liña, asegurou que lle trasladaron ao goberno municipal coruñés que "se tiña dúbidas" a administración autonómica sentaría con eles, pero "hai que cumprir unha serie de requisitos", entre eles, indicou, "ver o número de vivendas, saber cales están alugadas, cales son os motivos e unha planificación para dar resposta á problemática da vivenda".

"Non recibimos resposta e por agora non nos puidemos pór a estudar. É máis, A Coruña está representado a través da Fegamp, hai un concelleiro da propia cidade que forma parte do Observatorio da Vivenda, xa tivemos algunha reunión e non houbo avances respecto diso", apuntou.

PXOM VIGO

Así mesmo, preguntada polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo, Vázquez lamentou que o Concello de Vigo "leve 10 anos tramitando este documento urbanístico". Para Vázquez, o Plan é "moi pouco ambicioso" e "nin sequera cumpre todos os preceptos establecidos por lei". Exemplificou que o concello vigués "retirou a protección á fortaleza do Castro e o Parque de Castrelos, outra das xoias patrimoniais, tamén decidiu retirar esa protección".

"Tal e como está agora mesmo o plan, calquera persoa ou organización que presente unha denuncia sabemos cal vai ser o resultado, que nos volveremos a quedar sen plan xeral", reiterou. Agora, insistiu, "toca revisar ese plan", pero o Concello, continuou Vázquez, "debe cumprir". "Pasaron as eleccións, máis vale agora traballar da man e que o Concello non lle faga dano aos seus cidadáns", relatou, antes de lembrar que a agora concelleira de Urbanismo de Vigo, María José Caride, e que xa foi conselleira, "non queira caer no mesmo erro e non dar pé a que ninguén realice unha denuncia e que ese plan volva quedar en nada".

Este luns, a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, manterá unha reunión coa edil viguesa para abordar as modificacións na PXOM.

LEI DO LITORAL

Ademais, Ángeles Vázquez mostrou de novo a súa "sorpresa e indignación" pola decisión do Tribunal Constitucional de manter suspendida parte da lei de xestión do litoral recorrida polo Goberno central que, segundo a vicepresidenta en funcións, se tomou "de forma precipitada".Neste sentido, Vázquez advertiu sobre o feito de que se "paralicen investimentos", o que provoca, entre outras cousas, que "as industrias se vaian a Portugal".

"Non entendemos a decisión que tomou o Tribunal Constitucional e espero que se repense. Censuramos esta resolución xudicial e a falta de trato dispensado a Galicia en relación con outras comunidades, como é o caso do País Vasco ou Cataluña", argumentou.

Por outra banda, preguntada sobre o novo Goberno que deberá conformar Alfonso Rueda, Ángeles Vázquez sinalou que se trata dunha decisión que "corresponde unicamente ao presidente da Xunta". "Estamos á súa disposición. Calquera decisión que tome ben tomada estará, xa que seguro que o vai a facer pensando no ben de Galicia e no conxunto das galegas", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta