Unións Agrarias anima a todos os gandeiros que venderon leite entre 2000 e 2011 a reclamar contra o cártel do leite

O presidente de Unións Agrarias, Roberto García, aplaudiu este xoves a sentenza da Audiencia Nacional que recoñece un cártel do leite que operou en Galicia entre 2000 e 2011, un fallo que, advertiu, "abre unha vía" para que reclamen unha indemnización non só os 5.025 gandeiros galegos que presentaron demanda, se non "todos os que venderon leite" durante ese período de tempo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2024 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O presidente de Unións Agrarias, Roberto García, aplaudiu este xoves a sentenza da Audiencia Nacional que recoñece un cártel do leite que operou en Galicia entre 2000 e 2011, un fallo que, advertiu, "abre unha vía" para que reclamen unha indemnización non só os 5.025 gandeiros galegos que presentaron demanda, se non "todos os que venderon leite" durante ese período de tempo.

Nunha rolda de prensa, Roberto García lembrou que son máis de 5.000 os gandeiros que presentaron demanda, amparados por Unións Agrarias, pero advertiu que supón sobre un 30 % do total de afectados. "Hai un 70 % de gandeiros que aínda non denunciaron", dixo, apuntando que esta sentenza "abre a porta con seguridade xurídica" para que poidan "exercer o dereito a calcular a indemnización que lles corresponde".

"A sentenza abre unha dinámica con mais certidumbres e menos riscos para a totalidade dos gandeiros, non só para os 5.025 que teñen a demanda autorizada", dixo Roberto García, alegando que "xa que aparece probado o delito", todos os que venderon leite nese período "poden exercer demanda". "Están a tempo de reclamar danos e prexuízos", sentenciou.

Roberto García sinalou que a resolución da AN "vén confirmar" a sanción da Comisión Nacional da Competencia contra oito empresas lácteas "por pactar prezos" e "repartirse aos gandeiros" co obxectivo de "manipular o mercado do leite en España". "Só así se explica que os gandeiros de España, sendo un país deficitario e a pesar de que había cotas máximas, fosen os que menos cobraban o leite de toda a UE".

Para Roberto García, este pacto "queda acreditado na totalidade dos casos", polo que incidiu en que aínda que as empresas sinaladas son oito, "na propia resolución dáse a entender que desta situación beneficiáronse a totalidade das industrias, aínda que non formen parte deste proceso sancionador". "Non hai ningunha empresa láctea en Galicia que non se beneficiase do cártel", precisou Roberto García, "nalgunhas púidose probar con documentación que participaban activamente, pero todas beneficiáronse porque pagaban o mesmo prezo", sentenciou.

POLO MENOS UN 10 %

Aínda que a contía das indemnizacións a pagar dependerá do número final de reclamantes e a cantidade de leite afectado, Roberto García calculou que será "como mínimo" dun 10 por cento do abonado, máis os intereses que se determinen en execución. Nese período, apuntou, comercializáronse en Galicia 29 millóns de toneladas de leite e, a un prezo de 33 céntimos, pagáronse 9,000 millóns de euros. "Calculamos, que no mellor dos casos, debería ser un 10 % superior", precisou. Aínda que Roberto García mostrouse seguro de que as industrias recorrerán a sentenza, aclarou que "isto non impide" que os gandeiros "poidan exercer o dereito a calcular a indemnización que lles corresponde" para iniciar as súas reclamacións.

O presidente de Unións Agrarias lembrou que o proceso partiu dunha denuncia presentada por este sindicato ante a Comisión Nacional da Competencia. Na súa base, precisou, estaba a necesidade de "cambiar a forma de negociar" entre industria e gandeiro, dando máis capacidade ao segundo, así como que se puidese "cambiar de empresa". A pesar do tempo transcorrido, dixo, as prácticas "non cambiaron moito", xa que "a industria segue coordinadamente pondo prezos no sector".

Rolda de prensa de Unións Agrarias sobre a sentenza do cártel do leite
Rolda de prensa de Unións Agrarias sobre a sentenza do cártel do leite | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta